A GUARDA AVANZA NO PROCESO DE IRMANDADE COA PÓVOA DE VARZIM
A Càmara Municipal da Póvoa de Varzim xa aprobou por unanimidade dar ese paso
Fotos: Infogauda
Deolinda Maria Veloso Carneiro - á der. da imaxe - cunha representación da veciñanza de A Guarda, nunha xornada de visita a Póvoa de Varzim, o 26 de agosto de 2018Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
No día de hoxe, 1 de xuño de 2022, o Concello de A Guarda deu un importante paso no proceso oficial de irmandade coa cidade da Póvoa de Varzim. Así se desprende dos documentos que nesta mesma data asinou o alcalde Antonio Lomba Baz, e que polo seu interese para á cidadanía imos reproducir literalmente. O primeiro deses documentos dí o seguinte:
Expediente núm.: 529/2022
RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA DE INCOACIÓN DE EXPEDIENTE DE IRMANDAMENTO DO CONCELLO DA GUARDA CON POVOA DE VARZIM
Sendo necesario rectificar o decreto 2022/799, de 31 de maio, a resolución quedaría como segue:
Vista a solicitude presentada en data 13 de xaneiro de 2020 por don Celso Juan Rodríguez Fariñas, Secretario de Asociación PIUEIRO, por orde do seu Presidente, don Joaquín Cadilla Castro, para levar a cabo á incoación do procedemento de Irmandamento do Concello da Guarda e Póvoa de Varzim.
Considerando de gran interese a proposta e que foi adoptado acordo o día 5 de febreiro do 2020 entre o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o Presidente da Cámara de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira na que amosaron o seu interese en acadar o compromiso de iniciar os trámites necesarios para facer efectivo o Irmandamento entre as dúas vilas.
A vinculación existente entre os dous municipios remóntase a moitos anos atrás, principalmente a través da actividade pesqueira, onde os mariñeiros estableceron vínculos moi fortes de amizade e de respecto mutuo. Hoxe en día podemos destacar as marcas dos mariñeiros, cancións populares, e unha grande devoción dos mariñeiros de Póvoa pola virxe de Sta. Trega. Debido ao COVID houbo que aparcar a realización deste irmandamento, e unha vez voltamos á normalidade a intención é a de recuperar este irmandamento entre dúas vilas que se respectan mutuamente, que manteñen fortes vínculos culturais e sociais e que queren consolidar e reforzar as relacións entre os seus habitantes.
En virtude das facultades que me confire o ordenamento xurídico RESOLVO:
1.- Incoar o procedemento de Irmandamento do Concello da Guarda e Póvoa de Varzim
2.- Nomear instrutora deste procedemento á Concelleira Dna. Montserrat Magallanes Álvarez e secretaria do mesmo a do Concello, dona Julia María Carrasco González-Alegre.
3.- Crear a Comisión do Irmandamento do Concello da Guarda e Póvoa de Varzim, integrada por un representante de cada un dos grupos políticos municipais e un representante da Asociación Piueiro.
4.- Ordenar á instrutora deste procedemento que elabore unha proposta de protocolo para elevar á Comisión do Irmandamento, para o seu posterior sometemento ao Pleno do Concello.
5.- Notificar esta resolución á instrutora e á secretaria.
O Alcalde
Antonio Lomba Baz
Nomeamento dun representante de cada grupo municipal
O segundo documento, relacionado co proceso ofocial de irmandade coa Póvoa de Varzim, e remitido ao igual co anterior, a cada grupo municipal con representación no Concello de A Guarda, dí o seguinte:
EXPEDIENTE 529/2022
Aprobada por resolución da Alcaldía de data 1 de xuño de 2022 a incoación do procedemento de Irmandamento do Concello da Guarda e Póvoa de Varzim, e a creación da Comisión do Irmandamento do Concello da Guarda e Póvoa de Varzim, integrada por un representante de cada un dos grupos políticos municipais e un representante da Asociación Piueiro, se lle require para que proceda ao nomeamento do representante correspondente na citada Comisión.
O Alcalde
Antonio Lomba Baz
PÓVOA DE VARZIM XA APROBOU A PROPOSTA DE IRMANDADE CON A GUARDA
Pola súa banda á Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, na súa asemblea municipal do pasado día 28 de abril de 2022, tratou sobre a deliberación tomada previamente, na reunión ordinaria de 22 de marzo de 2022.
Nese documento, correspondente ao punto 5º da orde do día da devandita sesión do 28 de abril, figura a proposta de irmandade coa cidade de A Guarda, formulada polo Vice-Presidente da Câmara, Luís Diamantino de Carvalho Batista, que foi aprobada por unanimidade. Dese xeito, a representación da municipalidade poveira acordou propór a Asemblea Municipal que autorice a irmandade do municipio de Póvoa de Varzim coa cidade de A Guarda.
Na proposta do Vice-Presidente da Câmara da Póvoa de Varzim, recóllense, entre outros argumentos (imos empregar a língua galega, para súa transcrición):
"(...) Nas relacións entre os pobos, as máis sólidas son aquelas que as comunidades, espontáneamente, van construíndo, guiadas pola afinidade e complementariedade dos recursos que comparten, a marxe de cálculos económicos e políticos. Son estas as relacións que verdadeiramente aproximan, e tanto que, paulatinamente, derruban fronteiras administrativas e culturais; xa todo, de ambos os dous lados é familiar. As comunidades que así viven fixéronse verdadeiramente irmás (...)."
Asemade, na devandita proposta faise constar que "(...) desde fai tres décadas, os municipios de Póvoa de Varzim e de A Guarda veñen dando expresión pública oficial a esta relación, que as dúas comunidades, por medio dos seus núcleos piscatorios cultivan, de forma históricamente comprobada desde o século XVI polo menos (...)".
Tamén se indica que "(...) é altamente probable que, na orixe desta ancestral e froitífera proximidade, estean lazos de sangue, pois os núcleos marítimos de ambas as dúas comunidades terán un fondo antropolóxico común. Iguais son, comprobadamente, algunhas das súas expresións identitarias: as marcas e siglas, as artes de pesca e os seus nomes, as embarcacións, as crenzas. E sobre todo este edificio cultural común, o casamento de poveiros con guardesas, do que é testemuña o apelido "poveiro" con que os descendentes identífícanse.
Antes de ser porto de afectos, A Guarda foi, desde tempos moi remotos, porto de abrigo: era alí que buscaban seguridade os pescadores poveitos cando, en alta mar, eran sorprendidos polo mal tempo (...)."
"(...) E era a protección de Santa Trega (con capeliña nunha elevación, próxima ao mar, de onde é visíbel a longas millas marítimas) que os poveiros encomendábanse con promesas que escrupulosamente cumplían cando era a festa anual á Santa, en setembro.
Minha rica Santa Tegra
dai-nos ventinho de popa,
que queremos ir embora
e temos a vela rota.
Os dous municipios veñen concretando, sobre todo desde 1991, iniciativas de intercambio cultural que incrementan visibilidade á relación de irmandade entre os dous pobos. En maio dese ano (días 4 e 5) tivo lugar, na Póvoa de Varzim unha "Homenaxe ao pobo de A Guarda", cunha conferencia sobre "As relacións marítimas entre as xentes poveiras e de A Guarda" ([pronunciada] polo escritor galego Eliseo Alonso), a recepción oficial de benvida e o descubrimento da praca toponímica que atribúe o nome de A Guarda a unha rúa da zona norte da cidade, unha misa na igrexa Matriz, solemnizada coa actuación dun coro de A Guarda, actividades náuticas (igualmente coa participaron dun club de remo desta cidade galega) e actuacións de grupos corais de ambas as dúas cidades.
O 23 de setembro, unha delegación da Póvoa de Varzim (co executivo municipal, compoñentes do Rancho Poveiro con traxes tradicionais, remeiros da Lancha [Poveira do Alto "Fé em Deus"] e representantes da prensa, devolveu a visita, participando na romería na honra a Santa Trega. Nesa ocasión foi salientada a necesidade dunha irmandade oficial, pois ela estaba consumada na efectiva irmandade dos dous pobos (...)."
"(...) Logo, en outubro de 1991, a Lancha Poveira (que no mes anterior, non poidera participar na romaría de Santa Trega), navegou ata A Guarda, a onde voltaría en xullo de 2017, cando celebraba os 25 anos de viaxes marítimas. A tripulación e o Vice-Presidente da Câmara foron recibidos polo Alcalde e pola Concelleira de Turismo. E acordaron que A Guarda sería unha das cidades onde a Póvoa de Varzim promovería as súas Festas de San Pedro.
En maio de 2018, unha delegación da Asociación Piueiro viu a Póvoa agradecer o apoio prestado a súa candidatura para A Guarda ser a sede do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a realizar en xullo de 2019 e onde a Lancha Poveira estaría presente. No mesmo encontro foi acordada á realización de iniciativas culturais conxuntas (...)".
O relatorio tamén fai mención doutras actividades realizadas tanto en Póvoa de Varzim como en A Guarda en datas posteriores, con participación de representantes municipais e da veciñanza de ambas as dúas localidades. Hai, sen ningún tipo de dúbidas, moitas e poderosas razóns para que a Póvoa de Varzim e A Guarda leven a bo termo o protocolo de irmandade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario