A UÑA DE GATO: UNHA ESPECIE INVASORA
As súas matas anulan á flora autóctona
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Ten unhas cores vistosas e prende con moita facilidade. Esas, entre outras, son as características que ten a Uña de gato (Carpobrotus edulis) - planta perenne, de porte rastreiro, procedente de Sudáfrica, da familia das Aizoaceae -, para expandirse con facilidade, sobre todo coa intervención do ser humano, pois prende mesmo sen raíz.
A súa adaptabilidade permítelle soportar con facilidade tanto a brisa mariña, como todo tipo de temperaturas ambientais, de tal modo que é moi doado atopala en exteriores, en lugares próximos ao mar, invadindo ou colonizando espazos que con anterioridade eran territorios de flora autóctona. Dese xeito, a Uña de gato compórtase como unha especie invasora.
No termo municipal de A Guarda, a Uña de gato ten presenza en varias ubicacións. Para cinguirnos a un lugar moi transitado pola cidadanía, imos citar a Senda Litoral, onde podemos ollala preto de Fonte Quente, e tamén no tramo de Subcampo, entre outros lugares.
Se queremos que a flora autóctona prevaleza sobre á alóctona (que segundo o Dicionario da Real Academia, significa que non é orixinaria de onde está), e ao mesmo tempo estamos en disposición de preservar na medida do humanamente posible, os ecosistemas, suxerimos - como xa o fixemos in voce, falando persoalmente, en máis dunha ocasión, con algún cargo público de ámeto municipal, cuxa identidade consideramos que non é preciso desvelar -, que se proceda a localizar as matas de Uña de gato, e se den instruccións para súa retirada e posterior traslado ao lugar axeitado para súa destrucción.
Esa é a modesta proposta que lanzamos novamente. Nesta ocasión con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que desde 1974 se conmemora cada 5 de xuño.
A suxestión non é nin onerosa para as arcas municipais, nin excesivamente difícil de levar a bó termo, se hai vontade e medios humanos para iso. E para decilo todo, vontade non nos consta. Polo menos nese asunto concreto. Medios humanos hainos. Tan soio é preciso determinación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario