3 de xuño de 2022

A GUARDA

Segundo afirman desde o BNG

“O ACORDO PSOE-PP VAI CAMIÑO DE IMPEDIR URBANIZAR E AMPLIAR CHAN PÚBLICO NO CENTRO DA GUARDA”

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “En contra do que din o alcalde e o PP, desenvolver o Plan Especial de Reforma Interior nº5 permítelle ao Concello da Guarda dispoñer de chan para dotacións municipais e públicas”. 

 

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 Desde o momento que o PSOE e o PP deciden comprar Fínola no ano 2018, o BNG tratou de convencer sen éxito a estes dous grupos de que o camiño para conseguir chan público para espazos verdes, dotacións, aparcadoiros en superficie ou vivenda pública era tan simple como desenvolver o PERI nº 5 do que forma parte Fínola.  Esa é á valoración de sínteses que fai Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda.

 “Gastar case 300.000 euros na compra de Fínola, foi malgastar diñeiro público que se puideron investir en desenvolver e urbanizar unha superficie de 18.000 m2”, reafirma Anxo Lois Baz, ratificándose nas argumentacións que expuxo na sesión plenaria ordinaria do pasado venres día 27 de maio de 2022.

 “A proposta do BNG consiste - como reitera seu portavoz municipal - en desenvolver o Plan Especial nº5, para se dotar de preto de 15.000 m2 de zonas de equipamento, aparcadoiros, zonas verdes e rúas; dos cales como mínimo destinaríanse 2.700 m2 para equipamentos públicos e 2.700 m2 para zonas verdes e de lecer para conectar coa Alameda no futuro. 

 Tamén permitiría dispoñer de máis de 150 prazas de aparcadoiro en superficie. O Concello da Guarda contaría cunha edificabilidade de case 4.000 m2 para vivenda pública que equivale a un solar de 750 m2. 

 Pola contra o acordo PSOE-PP, froito da ignorancia ou doutras inexplicábeis razóns, acaba de facer todo o contrario: segregar a Finca de Fínola do Plan Especial nº 5 en lugar de desenvolvelo, reducindo os 15.000 m2 de equipamentos a pouco máis de 2.400 m2 que ademais condicionarían no futuro a conexión dese espazo coa Alameda. Perderíanse tamén 2.500 m2 de edificabilidade (un solar de 500m2) que se corresponde exactamente co que compraron no  2018”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario