O IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, gañou o Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia
A entrega de premios tivo lugar no marco da celebración do Festival de Cans onde, ademais de recibir o trofeo e a certificación de Premio de Innovación Educativa, proxectáronse as tres curtas finalistas do concurso
Infogauda / Tomiño
O IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, acadou o 1ª premio do Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia. A curta gañadora co título “Conto do Miño” recolle o percorrido a través da zona litoral da desembocadura do Baixo Miño dende Tomiño ata A Guarda, reflectindo, entre outros aspectos, a paisaxe, as costumes, os trazos dialectais, a irmandade con Portugal e a herdanza dos devanceiros.
Un grupo de rapazas e rapaces van dando a coñecer lugares, lendas e tradicións do último tramo do Miño ao seu paso por Tomiño, O Rosal e A Guarda. Así, na curta poden verse a Fortaleza San Lourenzo de Goián, os muíños do Picón e do Folón, no Rosal, ou o poboado castrexo do monte Santa Trega e o porto pesqueiro de A Guarda, entre moitas outras paisaxes de interese e valor medioambiental e patrimonial.
O certame está
organizado pola Fundación Galicia Sustentable en colaboración con Turismo de
Galicia e promovido por Política Lingüística e Secretaria Xeral de Educación e
Formación Profesional. O seu obxectivo é impulsar o coñecemento da Senda
Litoral favorecendo o uso do galego e poñendo en valor os recursos naturais e
patrimoniais de Galicia.
A entrega de premios tivo lugar no marco da celebración do festival audiovisual de Cans onde, ademais de recibir o trofeo e a certificación de Premio de Innovación Educativa, proxectáronse as tres curtas finalistas do concurso.
Tanto desde a dirección do centro, como dende a área de Cultura do Concello, as súas responsables fan chegar os seus parabéns ao alumnado implicado no proxecto, animándolles a seguir traballando nesta liña.
Na seguinte ligazón pode verse a curta gañadora na plataforma YouTube:
Ningún comentario:
Publicar un comentario