9 de maio de 2022

TOMIÑO

Tomiño emprende a segunda fase da reforma do Campo da Feira, na que investirán 200.000 euros  

As obras da 1ª fase achegaron o parque ao resto dos equipamentos a través da mellora da accesibilidade para os peóns, favorecendo a súa percepción como un elemento integrado e atractivo 


Aspecto que presenta o parque urbano do Campo da Feira, cando está a punto de rematar a primera fase da reforma
Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A primeira fase da reforma do parque urbano do Campo da Feira está a piques de rematar e en breve acometerase a segunda fase na que se investirán 200.000 euros no acondicionamento dunha nova área de xogos xuvenil, despois de que se aprobara no último pleno un expediente de modificación de créditos.

 Esta zona verde, situada moi preto da Praza do Concello (no Seixo), atopábase conectada a este espazo a través da Rúa da Feira, con beirarrúas estreitas e de difícil accesibilidade para o uso peonil o que, sumado ao muro de granito que o rodeaba, provocaban que o parque estivera afastado do resto do núcleo urbano. O feito de ter que cruzar para ir alí a avenida Gondomar, que conta cun elevado tráfico, tamén facilitaba este illamento.

 É por estas cuestións que o Concello de Tomiño levou a cabo o proxecto de reforma que pretendía incorporar o parque ao espazo público peonil do núcleo do Seixo, achegándoo tamén ao resto dos equipamentos a través da mellora da accesibilidade para os peóns e favorecendo a súa percepción como un elemento integrado e atractivo.

 A intervención xirou arredor de varios eixos. Por un lado conectouse a Praza do Seixo coa Rúa da Feira a través dunha plataforma única, no que os vehículos se elevan de cota, tratándoo como un espazo de prioridade peonil.

 Tamén se creou unha beirarrúa de 3,50 metros na rúa da Feira, mellorando a accesibilidade e favorecendo o uso peonil do espazo público, que se dotará en breve de árbores e bancos.

 Ademais, a rúa Santa María de Oia, situada fronte ao parque, pasou a ser unha prolongación do mesmo coa creación dunha plataforma única que sitúa a estrada e as beirarrúas ao mesmo nivel, pasando a ser un espazo peonil con tratamento compartido, pavimentada con lastros e formigón do mesmo xeito que a rúa “Buenos Aires” e a Praza da Mina.

Unha das intervencións decisivas foi a eliminación do muro que separaba o parque da rúa (facilitando á integración do primeiro ao resto do conxunto), substituíndo por un banco en  zigzag e xerando áreas de estancia e acompañado dunha estrutura luminosa da mesma forma, coa que se mellorou a iluminación do espazo, contribuíndo a crear unha percepción do parque aberta e acolledora.

 Así mesmo, a intervención non só conservou a vexetación existente, senón que serviu para realzar a súa visibilidade, poñendo en valor unhas árbores de gran relevancia histórica presentes no lugar desde a época na que se realizaba a tradicional feira do gando.

 A actuación deu como resultado a creación dunha área moderna e contemporánea, continuando coa aposta da recuperación do espazo público para as persoas a que vén levando a cabo o Concello nos últimos anos. Estas obras están xa finalizadas a falta de dispoñer os bancos de madeira, sinalización e papeleiras.

Segunda fase

 Ao investimento de 250.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020 para levar a cabo a 1ª fase, sumaranse agora outros 200.000 de fondos propios para a creación dun gran parque xuvenil que terá xogos e tamén un novo skate park. A obra, denominada “Reconfiguración da área de Xogos e Esparcimento do Parque da Feira”, está pensada para nenos maiores e adolescentes, complementando así a área de xogos da Praza da Mina, destinada aos nenos e nenas máis pequenos.

 Na intervención do Parque da Feira recóllense, entre outras, as demandas do Consello da Infancia de Tomiño. Concretamente, a intervención consistirá en:

- Conectar os diferentes desniveis do interior do parque, modificando as rasantes, para facelo máis accesible, recorrendo a pavimentos brandos e acordes cun espazo verde e de descanso.

- Reparar os elementos de patinar do parque, ampliando a superficie pavimentada, recolócanse nela novas ramplas e elementos trasladados desde a alameda de Goián. Con este incremento de superficie e de xogos auméntanse as súas posibilidades, e intensifícanse o seu uso polos adolescentes.

- Instalar novos elementos de xogo, que contribúan a exercitar a coordinación do sistema motor dos nenos, buscando a socialización e o xogo compartido co fin de mellorar as habilidades sociais entre eles, sen perder por iso diversión e entretemento.

- Substitución e mellora do mobiliario urbano (bancos, mesas, papeleiras, aparcadoiro para bicicletas). Potenciando os espazos de sombra que proporciona a vexetación existente como áreas de estancia, de reunión e de socialización.

- Cambiar as luminarias por unhas máis eficientes e que alcancen uns niveis de iluminación adecuados para mellorar la seguridade do novo espazo. Homoxeneizando a súa estética coas xa instaladas nas novas áreas peonalizadas do Seixo.

 Con estas intervencións quedarán resoltas as demandas de áreas infantís no núcleo do Seixo, ademais que se favorece a mobilidade e de potenciar o uso do espazo público polos veciños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario