25 de maio de 2022

PESCA

O proxecto de Orpagu que achega maior seguridade á frota e aos produtos que captura  entra na súa segunda fase   

DIGIPRO xa obtén dos barcos que participan na experiencia piloto o rexistro en tempo real dos parámetros de temperatura, proceso de conxelación e consumo de combustible, entre outros, para detectar calquera problema. 

Os tripulantes dos nove buques de  Orpagu con banda ancha gozaron dunha marea “máis conectada”, cunha relación máis estreita cos seus familiares en terra.  


De esq. á der.: Juana Parada, directora xerente de Orpagu, e Gema  Laso, directora de  Inxenia, este mediodía en Navalia


Mar Bermúdez / Vigo

 Co obxectivo de coñecer en tempo real calquera fallo no funcionamento do barco para dar unha solución inmediata,  Orpagu iniciou hai uns meses  DIGIPRO, un proxecto de mellora da canle de comunicación en  altamar que permite controlar desde terra todos os parámetros crave nos buques. Na súa fase final, permitirá crear un cadro de mandos compartido entre o patrón e o persoal de terra, coa seguridade que iso representa tanto para a tripulación como para os produtos que se manexan a bordo. 

 A iniciativa xa superou un primeiro paso coa proba de banda ancha en nove barcos da Organización de Palangreiros Guardeses que operan en diferentes zonas e caladoiros de todo o mundo. O acceso a internet continuo e ilimitado permitiu á organización obter e identificar datos específicos representativos do total da frota guardesa. Concretamente, en parámetros como temperatura, proceso de conxelación ou consumo de combustible.  

 Así,  Orpagu fai un seguimento dos seus barcos a través dun ‘cadro de mandos en liña’ que facilitará a detección de calquera incidencia e a posibilidade de minimizala ou corrixir o seu impacto en tempo real. Tras o proxecto piloto, coñécense, ademais, os coñecidos como “puntos de control crítico” pola súa especial relevancia desde o punto de vista sanitario. 

 As probas manteranse durante algunha marea máis para seguir rexistrando os datos co sistema instalado, tanto co visor apagado como co aceso, e conectado á sede da organización para estudar os resultados obtidos con ou sen apoio do cadro de mandos en liña. Ademais, DIGIPRO aposta pola dixitalización de todos os procesos, neste caso os que levan a cabo dentro do barco, o que permitirá ao sector ser máis competitivo, sostible e resiliente para afrontar calquera cambio lexislativo, nova esixencia ou calquera evento imprevisible como foi o caso da crise sanitaria provocada pola  COVID.  

 A fase inicial tamén demostrou que DIGIPRO humaniza a actividade pesqueira, xa que permite aos tripulantes “compartir” os momentos de lecer coas súas familias e gozar de tempo de relax contemplando unha película ou un evento deportivo. Estas comodidades axudarán a facer máis atractiva a profesión para os mozos e paliar o grave problema de falta de substitución xeracional que existe na actividade pesqueira. 

Plan de traballo  de  DIGIPRO 

 No último paso, tras a conclusión das experiencias no mar dos barcos pilotos, transferiranse os resultados obtidos a toda a frota de Orpagu e ao público en xeral. Desta forma, os palangreiros de A Guarda mellorarán a competitividade da súa actividade, reducirán a emisión de CO2 á atmosfera, demostrarán a utilidade da dixitalización dos procesos a bordo e posibilitarán a transferencia tecnolóxica ao resto do sector pesqueiro español. 

 O proxecto  DIGIPRO conta coa subvención do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario