25 de maio de 2022

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia entrega 7.500 € en premios aos colexios gañadores da terceira edición do concurso ‘Pilabot’  

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou esta mañá en Santiago no acto que reuniu a profesores e alumnos dos centros premiados 

Sagrario Pérez subliña o compromiso e o esforzo do alumnado participante por manter e mesmo superar as ratios de recollida acadadas nas dúas campañas anteriores, manténdose por riba das 50 tn e cunha media de 1,5 kg por cada alumno participante 

O CPR Santiago Apóstol de Narón acada por primeira vez un dos galardóns mentres que os outros tres colexios que máis pilas recolleron este ano — o CEIP As Solanas, de A Guarda, o CRA Amencer, de Ribadavia, e o CEIP Caión, da Laracha— repiten no podio


A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou esta mañá no acto oficial de entrega de premios, que congregou no Museo Pedagóxico de Galicia a profesores, alumnos e familiares dos catro centros que lograron as mellores cifras de recollida destes residuos

Fotos: X.G.



Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia fixo entrega hoxe de catro premios por un importe total de 7.500 euros aos colexios gañadores do concurso escolar de recollida de pilas, baterías usadas e acumuladores que por terceira vez se convocou este curso en Galicia no marco da campaña Pilabot. 

 A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou esta mañá no acto oficial de entrega de premios, que congregou no Museo Pedagóxico de Galicia a profesores, alumnos e familiares dos catro centros que lograron as mellores cifras de recollida destes residuos durante as seis semanas de concurso. 

 Neste sentido, Sagrario Pérez subliñou o compromiso e o esforzo demostrados polo alumnado participante para consolidar e mesmo superar as ratios de recollida acadadas nas dúas campañas anteriores, manténdose por riba das 50 toneladas —53,8 tn concretamente— e cunha media de 1,5 kg por cada alumno participante. 

 Os gañadores desta edición na categoría de pilas totais recollidas foron o CPR Santiago Apóstol de Narón, que por primeira vez conseguiu un destes galardóns grazas ás 4,7 toneladas recollidas; seguido do CEIP Plurilingüe As Solanas, de A Guarda, que o ano pasado lograra o primeiro posto e nesta ocasión quedou segundo cunha achega de 3,3 toneladas. 

 En canto á taxa de recollida por alumno, tamén repiten entre os premiados o Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer de Ribadavia, con 62,80 kg por estudante e que gañou as tres edicións de Pilabot celebradas ata o de agora; e o CEIP de Caión, da Laracha, cunha media de 49,36 kg por alumno, e que na edición anterior tamén conseguira a segunda mellor ratio de toda a Comunidade.


 Os catro centros recibiron un premio económico —de 2.500 euros para os gañadores de cada unha das categorías e de 1.250 para os segundos— que deberán destinar, en todo caso, á compra de material escolar ou deportivo. 

 Cómpre lembrar que no ano 2018 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia —Ecopilas, ERP e Ecolec— impulsaron Pilabot como unha campaña de sensibilización dirixida a toda a comunidade educativa para fomentar a reciclaxe e concienciar desde a escola sobre un dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares e que, no caso de non xestionarse correctamente, poden resultar moi perigosos. 

 Durante as tres edicións desta iniciativa, a actividade estrela foi sempre o concurso de recollida de pilas, baterías e acumuladores no que os 150 colexios participantes compiten entre si por demostrar o seu compromiso coa recuperación destes refugallos. A tal fin, os organizadores subministran a cada centro os bidóns para facilitar a recollida durante un período de 6 semanas así como material informativo e merchandising de Pilabot. 

Cinco rapazas premiadas no certame artístico

 Así mesmo e ao igual que en edicións anteriores, tamén este ano se convocou concurso artístico e creativo #EuSonPilabot, aberto á participación dos 36.000 escolares galegos que estudan nos 150 centros galegos inscritos na campaña. 

 Durante o acto, tamén se fixo entrega dunha tablet ás cinco gañadoras do certame —unha por cada unha das etapas educativas de Primaria e Secundaria—, que presentaron unha obra en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe de pilas e enfocada aos Obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola ONU para 2030. 

 As alumnas premiadas son Lucía González Baz, de 2º de Primaria do CEIP As Solanas, de A Guarda; Gabriela Lourido Lago, de 4º de Primaria do CEIP Plurilingüe de Outes; Candela García Rodríguez, de 6º de Primaria do CPI O Toural de Vilaboa; Noa Crespo Sayar, de 1º ESO do IES Carlos Casares de Vigo; e Shiva Eliska Alinda Nurhakim, de 3º ESO do IES Perdouro de Burela.

 Ademais dos concursos, a campaña incluíu a realización de medio cento de talleres didácticos co obxectivo era poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na campaña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario