A XUNTA COLABORA COA COMUNIDADE DE MONTES DE CAMPOSANCOS PARA O ABASTECEMENTO DE AUGA NO MONTE DE SANTA TREGA
· O Consello da Xunta aprobou onte o acordo que autoriza a subscrición do convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos para o proxecto de abastecemento de auga ao pico San Francisco no Monte de Santa Trega
· O obxecto do convenio é garantir o servizo constante de auga potable sanitaria nas edificacións e servizo situados neste enclave
· Instalarase un bombeo no depósito base con tubaxe enterrada, para subir auga ao novo alxibe do pico San Francisco
Infogauda / Camposancos
O Consello da Xunta aprobou onte o proxecto de acordo que autoriza a subscrición do convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos para o proxecto de abastecemento de auga ao pico San Francisco no Monte de Santa Trega, no concello de A Guarda, por importe total de preto de 250.000 euros.
O obxecto do convenio é garantir o servizo constante de auga potable sanitaria nas edificacións e servizo situados no pico San Francisco no monte de Santa Trega. Realizarase mediante a instalación dun bombeo no depósito base con tubaxe enterrada, para subir auga ao novo alxibe do pico San Francisco.
O trazado da tubaxe de abastecemento discorre pola ladeira sueste do Monte Santa Trega, unha parte por terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos e a maior parte por camiño público, sen asfaltar, do concello de A Guarda.
O Monte Santa Trega está situado no concello de A Guarda, na súa cima atópase o poboado castrexo de Santa Trega, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural. Debido á súa importancia histórica e enclave xeográfico, trátase do castro galego máis emblemático e visitado do noroeste peninsular.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos ten como obxecto social a regulación da administración, desfrute e aproveitamento dos montes veciñais en man común da parroquia de Camposancos, no concello de A Guarda. Como entidade beneficiaria da subvención da Axencia Turismo de Galicia, asume a obriga de desenvolver as actuacións obxecto deste convenio e o cumprimento da súa finalidade. Pola súa banda, a Axencia Turismo de Galicia comprométese a colaborar no financiamento do custo das actuacións previstas a través do outorgamento da subvención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario