O Concello transformará a estrada vella de San Miguel de Tabagón
A veciñanza achegou as súas suxestións nun proceso participativo celebrado esta semana no que a alcaldesa presentou o proxecto, que comezará a executarse pola zona máis deteriorada
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O
Rosal aposta por unha estratexia de desenvolvemento global no municipio que
permita poñer en valor a súa contorna e poñer ás persoas no centro. Neste
camiño o Concello porá en marcha un novo proxecto que transformará a estrada
vella de San Miguel de Tabagón que foi presentado pola alcaldesa, Ánxela
Fernández Callís, ante á veciñanza nun acto de participación social que contou
cunha alta implicación de rosaleiros e rosaleiras do barrio.
A
rexedora, acompañada do equipo técnico do proxecto, explicou a todas e todos os
presentes que o obxectivo da reforma é “mellorar a calidade dunha contorna que
conta cun perfil urbano cun carácter singular, ao tempo que se aumenta a
seguridade dos percorridos peonís, facendo que estas rúas recuperen parte da
súa identidade orixinal, máis favorable para o paseo e as relacións cotiás e
sociais entre a veciñanza”.
O
proxecto de reforma comezará a executarse pola zona máis deteriorada da estrada
vella, ao carón da ferraxería, onde unha das principais accións que se levarán
a cabo será a renovación dun muro de contención de mampostería, unha solución
construtiva que se integrará na contorna e que resolverá os problemas que
presenta o muro actual, en estado de deterioro.
A
intervención xeral consistirá na renovación de pavimentos con materiais e
elementos que contribúan a unha circulación máis calmada e a unha maior
integración paisaxística, “dándolle prioridade ás persoas e creando espazos de
calidade máis seguros, con vías accesibles e inclusivas que fomenten unha
mobilidade máis saudable e sustentable”, salienta a alcaldesa.
Fernández
Callís puxo en valor a implicación e compromiso de toda a veciñanza do barrio,
que durante o encontro realizou algunhas achegas relevantes sobre temáticas
como a problemática das pluviais nesa zona de escorrentía que se incorporarán
ao proxecto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario