Xuño chega ao Rosal cargado de actividades
A axenda cultural arranca esta fin de semana con música en cine
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O
mes de xuño chega ao Rosal cargado de actividades de lecer para todos os
públicos. O Concello conta para os vindeiros días cunha extensa programación
cultural na que haberá cabida para a música, o cine, as actividades
medioambientais, conferencias, contacontos ou exposicións, entre outras moitas
propostas. “Queremos seguir enchendo de cultura o noso municipio, con
actividades pensadas para un público moi diverso no que todas as persoas atopen
propostas de lecer do seu interese”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández
Callís.
A
axenda cultural arranca esta mesma fin de semana con tres novas actividades. O venres 3, ás 20.00 h, o auditorio
municipal acollerá a proxección de ‘Maxi, a esencia de vivir’. Con guión e dirección de
Víctor Bello, o documental achegará ao público ao detalle á vida deportiva e
persoal de Maximiliano Masip, un vigués de 43 anos con parálise cerebral que se
converteu nun exemplo de superación.
O sábado 4 será a quenda de ‘Música nas Eiras’, un encontro musical
organizado pola Asociación Cultural Ghorghalado en colaboración co Concello do
Rosal no que participarán Tremelique e a Escola de Regueifas de Vigo. A cita
será ás 19.30 horas na antiga Escola das Eiras.
Xa o
domingo 5 de xuño, o auditorio municipal será o
escenario elixido para a estrea do filme do rosaleiro Gon Caride ‘O Grilo’, unha curtametraxe narrativa
que camiña entre a ficción, o documental e a metraxe encontrada que plantexa unha reinterpretación da figura
da Morte. O público poderá gozar da película en sesión dobre, co primeiro pase
ás 20.00 horas e o seguindo ás 21.00 horas.
Entre as actividades programadas para este mes de xuño estarán un obradoiro de elaboración de peneiras para composteiros individuais (7 de xuño); unha conferencia de Carlos Taibo o día 8; o contacontos para alumnado de primaria ‘De Valdeorras a México’, da compañía Polo Correo do Vento (13 de xuño); a audición musical do alumnado da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (18 de xuño) ou a primeira edición da Festa das Asociacións, adiada o pasado mes de maio por mor da choiva. Haberá ademais audición e concerto da Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal o venres 24; encontro de corais o domingo 26; contacontos nos xardíns do Concello o martes 28; e a exposición fotográfica ‘Fóra Plásticos’, organizada polo Centro San Xerome Emiliani.
Ningún comentario:
Publicar un comentario