CIG-Saúde chama a participar na mobilización contra o desmantelamento da atención primaria do Rosal tras o incidente cun paciente o venres
Un doente grave tivo que ser trasladado por varias rúas por persoal sanitario e Protección Civil ante a falta de ambulancias do 061
Infogauda / O Rosal
A CIG-Saúde de Vigo quere sumarse á denuncia pública feita estes días polo persoal traballador e a veciñanza do Rosal ante os problemas na asistencia a un doente grave o pasado venres, cando a falta de ambulancias do 061 obrigou a varias traballadoras e persoal de Protección Civil a transportar a un paciente por varias rúas do centro da vila.
A estampa “lamentable” que se viu nos distintos medios é froito da falta de medios, tan demandada pola central sindical, nos últimos anos, polo que chaman a participar na mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal este venres 27 de maio diante do centro de saúde da localidade ás 20:00 horas.
O deterioro da atención primaria estase a vivir de forma máis dramática no rural onde a falta de persoal medico é endémico. De feito, a semana pasada houbo varios días nos que o Rosal e Oia non contaron con persoal médico nos seus centros e as urxencias foron derivadas ao centro de saúde da Guarda. Precisamente dende a central rexeitan a decisión da EOXI de Vigo de non continuar co segundo equipo de persoal médico e enfermeiro no PAC desta última localidade.
Esta situación non só se esta a dar nesta zona, o pasado venres o centro de saúde de Moaña colgaba tamén o cartel de “Non hai médicos” na quenda de tarde. Todo fai pensar que non será a última vez que suceda este verán.
Desde a CIG-Saúde lembran a importancia de dotar aos centros de persoal para poder dar unha atención digna e axeitada as necesidades da poboación.
As reclamacións e necesidades da zona están ben definidas nas demandas destes anos:
• Dotación de persoal sanitario suficiente, nomeadamente persoal médico e de pediatría.
• Dobre equipo completo de PAC dado que a poboación adscrita, o numero de asistencias, a dispersión xeográfica e a distancia ao centro de referencia xustifican totalmente esta necesidade.
• Aumento de ambulancias do 061 na zona.
“Na CIG temos claro que á única fórmula para acadar todo isto pasa obrigatoriamente por unha inversión pública axeitada ás necesidades asistenciais da zona, a mellora nas condicións de traballo do persoal e convocatoria de OPE acorde a estas necesidades”, afirman dende a CIG-Saúde.
Inciden en que unha boa asistencia sanitaria pasa tamén por que se dea nunhas condicións de dignidade e protección da persoa asistida, ao tempo que sosteñen que todos estes episodios son consecuencia dos recortes na sanidade pública.
Por todo isto, a CIG-Saúde apoia e chama a participar na mobilización contra o desmantelamento da atención primaria convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal este venres 27 de maio diante do centro de saúde da localidade ás 20:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario