26 de maio de 2022

MEDIO AMBIENTE

Galicia repite como a comunidade española con máis sendeiros azuis, cun total de 29 que se estenden ao longo de máis de 220 Km  

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou hoxe en Madrid no acto oficial de entrega das insignias a todos os municipios galardoados 

Belén do Campo salienta que case a metade dos 474 km de itinerarios azuis de todo o país están en Galicia, un recoñecemento que sumado ás 112 bandeiras outorgadas ás praias, consolidan a súa posición entre as rexións do mundo con máis distintivos  

A Guarda volta a contar co distintivo azul na Senda Litoral; Poio e Ribeira entran por primeira vez na listaxe de municipios con sendeiros azuis mentres que Sanxenxo repite como o municipio español con máis rutas recoñecidas  

Pontevedra, con 19 itinerarios en 9 municipios, lidera a clasificación provincial nacional


A Senda Litoral de A Guarda, novamente premiada co distintito azul
Foto: Infogauda

Infogauda / Madrid

 Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. 

 Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. 

 A relación de galardoados deuse a coñecer esta mañá en Madrid no marco do acto de entrega oficial das bandeiras azuis que, por primeira vez, lucirán os 73 municipios onde se localizan os 86 sendeiros seleccionados por Adeac en España. Este é o primeiro ano que se convoca unha cerimonia propia e separada para anunciar os sendeiros azuis. 

 Ao evento acudiu en representación da Xunta a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen subliñou que case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no conxunto do país, están en Galicia. 

 Neste sentido, considerou que este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas tamén ás súas praias, ás 11 que recibiron outros tantos portos deportivos e aos 14 centros azuis, consolidan a súa posición entre as comunidades españolas e do mundo que ano tras ano concentran un maior número de distintivos azuis. De feito, Galicia recibiu este ano un total de 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón 11 máis que o ano pasado. 

Novidades no balance de 2022

 Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Poio e Ribeira entran por primeira vez na listaxe grazas ao recoñecemento do sendeiro litoral de Poio e ao sendeiro litoral de Coroso-Río Azor.

 Así mesmo, Sanxenxo repite como o municipio español con máis sendas recoñecidas no seu termo municipal, un total de 7, das cales 1 é nova —a ruta dos carballos de Aldariz— e as outras 6 xa recibiran este recoñecemento en 2021 pero aglutinadas como unha rede de sendeiros.

 Tamén destaca o caso de Vigo, que gozará de 3 sendeiros azuis este ano e que se converte deste xeito no segundo municipio español, xunto ao de Cartaxena, con máis sendas galardoadas.
 

 En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, lidera a clasificación provincial a nivel autonómico e tamén nacional; seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos; e de Lugo, que suma 4 itinerarios azuis no mesmo número de municipios.

 A continuación detállanse os sendeiros azuis de 2022. Os novos van marcados cun *.

SENDEIROS AZUIS 2022 

A Coruña

A Laracha:  Sendeiro de Saldorio; Arteixo: Senda azul; Camariñas: Ruta litoral de Camariñas;  Carballo: Senda do Mar Razo-Baldaio; Oleiros: Costa Libre: Ribeira: Sendeiro litoral de Coroso-río Azor *.  

Lugo 

Burela: Ruta do litoral burelés; Cervo: Sendeiro azul O Torno: Foz: Paseo ruta das praias de Foz; Ribadeo: Ruta do Faro da Illa Pancha ás Aceas.  

Pontevedra 

A Guarda: Senda litoral A Guarda; A Illa de Arousa: Senda perimetral Bao-Xastelas; Bueu; Sendeiro de Cabo Udra; Cangas: Roteiro de Donón; Marín: Ruta das praias, Ruta dos cinco miradoiros  e Ruta montes e praias; Poio: Sendeiro litoral de Poio *; Ponte Caldelas: Sendeiro azul do río Verdugo; Sanxenxo: Ruta dos carballos de Aldariz *, Sendeiro litoral Areas-Punta Festiñazo,  Sendeiro litoral Canelas-Punta Cabicastro,  Sendeiro litoral Montalvo-Major,  Sendeiro litoral Paxariñas-Montalvo,  Sendeiro litoral Sanxenxo-Portonovo e Sendeiro máxico da Lanzada;  Vigo: Senda entre faros, Illas Cíes-Vigo,  Senda de ribeira e litoral: Camiño á beiramar, e  Senda litoral e do monte da Guía, Teis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario