26 de maio de 2022

PONTEVEDRA

“IMPLANTAR O SISTEMA PORTA A PORTA DE RECOLLIDA DE RESIDUOS NON É UN PASEO, PERO A XENTE PASA DO LADO ESCURO AO LADO LUMINOSO, HAI QUE SER VALENTES”    

A comitiva do Revitaliza coñeceu hoxe as dificultades de localidades como Barcelona, Lleida ou a comarca do Segrià para implantar o modelo e conseguir a cambio resultados espectaculares de reciclaxe  

O concello de Argentona explicou o seu recibo baseado no pago por xeración: a veciñanza debe mercar bolsas ‘oficiais’ para tirar a fracción resto e reciclar ou pagar sancións con horas de traballo á comunidade  


A comitiva da viaxe Revitaliza nunha das sesión informativas en Cataluña
Fotos: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A última xornada da viaxe Revitaliza a Cataluña estivo centrada non só nos beneficios claros que supón o sistema Porta a Porta (PaP) de recollida de residuos para conseguir as taxas de reciclaxe obrigadas pola UE. As e os responsables políticos e técnicos dos concellos de Barcelona, Lleida, Argentona e da comarca do Segrià tamén puxeron hoxe sobre a mesa de maneira transparente as dificultades ás que hai que facer fronte e fixeron un chamamento á “valentía política” dos gobernos locais pontevedreses para a implantación: o PaP é inicialmente máis caro que poñer colectores na rúa e ademais precísase unha complicidade da cidadanía que inicialmente é resistente ao cambio.  

 “Pasar ao sistema PaP non é un paseo. Hai reticencia social porque os cambios custan. É preciso un ‘click’ mental na cidadanía, pero cando este se produce vese que non se acaba o mundo, non é algo tan traumático. A xente e pasa do ‘lado escuro’ ao ‘lado luminoso’ ao entender que non se fai por capricho, senón porque é necesario non só recoller os residuos, senón tamén facer un reciclaxe que supere o 70%. Ese obxectivo é indiscutible e innegociable”, asegura Joan Pujol, técnico de Medio Ambiente de Argentona, un municipio de 12.000 habitantes que en 2004 implantou o PaP e que aplica unha ‘taxa xusta’ dende 2009 que obriga á veciñanza ao pago por xeración: cantos máis residuos produce un domicilio ou comercio máis ten que pagar.  


Unha monitora informa das características do sistema de recollida de lixo que teñen implantado 

 Pujol sinalou que é fundamental informar á xente do que custa ao municipio a recollida de lixo. Baixo esa premisa, explicou que o seu concello decidiu implantar unha nova taxa de residuos cunha parte fixa e outra variable. A fixa é a que se pasa ao cobro polo banco e a variable depende da cantidade de bolsas necesarias por cada domicilio para tirar a fracción resto. Cada ano os servizos municipais entregan un número de bolsas ‘oficiais’ a cada familia. Se precisan máis, téñenas que mercar aos prezos estipulados (entre 0,35 e 2,5€ unidade).  

 Por tramos, unha vivenda de unha ou dúas persoas paga ao ano en Argentona 119 euros polo fixo e 10 bolsas para a fracción resto; unha vivenda de tres ou catro persoas 129 euros anuais por fixo e 20 bolsas; e cinco persoas ou máis pagarían 139 euros anuais con 25 bolsas. As demais fraccións recóllense segundo unha programación e un horario semanal.  

 Non se permite utilizar bolsas incorrectas para deixar a fracción resto, e as que o son quedan sen recoller na rúa ata o día seguinte un aviso de incidencia. No caso de se detectaren reiteracións, esas bolsas son analizadas ata dar coa persoa propietaria e abrir un expediente de sanción, que se debe compensar preferentemente con horas ao servizo á comunidade no servizo de Medio Ambiente municipal ou no Punto limpo. “Estas horas de servizo van moi ben para a xente que non colabora coñeza a razón de ser do modelo PaP. Sabemos que é un hándicap seguir un calendario e un horario determinado para deixar os residuos, pero é un hábito, e a non colaboración vai en detrimento do ben común”, subliñou.   

BCN: bonificación do 30% pola colaboración  

 A seguinte visita da mañá foi a Barcelona, onde a xefa do departamento de Prevención de Residuos, Laura Reñaga, explicou a implantación do sistema PaP no barrio de Sant Andreu (10.500 habitantes), de gran densidade. Apuntou que a fracción orgánica se recolle en buzóns comunitarios e colectores intelixentes que identifican ás persoas usuarias, que posteriormente reciben unha bonificación do 30% de desconto na taxa pola colaboración. O máis positivo do PaP, explicou, é que se consegue sobradamente a recuperación de residuos para a reciclaxe, pero o máis complicado é o cambio de hábitos na cidadanía “ben pola desafección co barrio ou pola mentalidade; hai que traballar moito”, asegurou.  

 Xa pola tarde, a comitiva pontevedresa trasladouse á comarca da Conca de Barberá, onde houbo unha recepción institucional por parte da presidenta do Consello Comarcal Carmen Pallàs, o conselleiro de Medio Ambiente Marc Roca e o xerente Ramón Palou. Este último explicou o sistema PaP que se realiza en municipios de entre 500 a 7.000 habitantes. Nas zonas máis alonxadas e dispersas a recollida faise por colectores en áreas de achega e no resto por PaP, pasando en 2019 dun 50% de taxa de reciclaxe ao 80% en 2021.   

 “A xente está a responder ben, pero tamén hai problemas –aclarou-: o custe económico máis elevado de amortización de vehículos e máis persoal, e tamén o nivel de incidencias porque hai xente que non queren PaP e incluso usan as áreas de emerxencia de maneira incorrecta”, apuntou. Está en marcha un programa piloto en catro municipios para implantar o pago por xeración.  

Segrià: PaP en marcha seis meses antes das eleccións municipais 

 Xa a seguir a delegación pontevedresa tiña previsto chegar á comarca do Segrià. Alí o técnico Joan Ibars explicou que o Consell Comarcal xestiona a recollida de 37 municipios: 22 por PaP (34.000 habitantes) e 15 (36.000 habitantes) con áreas de achega con colectores. Foron os propios municipios os que decidiron os seus sistemas, pero os resultados son moi diferentes: os que optaron por unha recollida ‘personalizada’ PaP teñen unha taxa de reciclaxe do 75% e os de colectores apenas chegan ao 40%.  

 O PaP –dixo Ibars- é un sistema moito máis eficiente en resultados e calidade, pero implica un cambio de hábitos para a cidadanía que custa implantar, e se non hai prioridade no goberno local para recuperar os residuos selectivamente non funciona. O custe é aínda máis caro que ter colectores na rúa, pero renta cada vez menos. “O consello é que os gobernos locais sexan valentes. É unha decisión complexa pero que despois ten beneficios. Nós pasamos ao PaP seis meses antes das eleccións municipais de 2019 e non influíu”, subliñou.  

 A última parada da viaxe estaba prevista -para as dez da noite- en Lleida, coa visita a dous barrios da cidade onde está implantado o sistema PaP. No máis denso (Ciudad Jardín e Vila Motcada) con 3.700 vivendas chégase a unha taxa de reciclaxe do 90% facendo a recollida en colectores tamén da fracción orgánica. En Pardinyes-Balafia (con 1.400 vivendas e sen comercios) acádase o 70% recollendo orgánica en colectores chipeados. Os representantes pontevedreses viviron en directo a recollida dunha das fraccións.  

 A Coordinadora de Sostebilidade Esther Franlo explicou de novo que hai dúas dificultades principais: o maior custe, que en breve cos cánones por levar residuos a verquedoiros e incinerar vaise equilibrar, e a dificultade da complicidade da cidadanía.  Nestes momentos recoñeceu que a zona na que se recolle a orgánica en colectores está a rexistrar problemas pola cantidade de impropios que entran misturados cos biorresiduos. “Está a ser difícil de reconducir. Imos ter que vincular os colectores ás porterías das comunidades de veciñanza. Temos traballo, e sabemos que salvo o PaP non hai outro patrón con resultados de reciclaxe tan inmediatos”, finalizou.  

 Na xornada de mañá a comitiva dos concellos de Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Mancomunidade do Morrazo, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas e A Cañiza emprenderá regreso de volta á provincia de Pontevedra coas primeiras conclusións de se os sistemas coñecidos en Navarra, País Vasco e Cataluña poden ser de aplicación nos seus municipios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario