4 de maio de 2022

ECONOMÍA

 Leve descenso do paro en Galiza en abril ligado ao sector servizos, mentres que a industria segue a destruír emprego 

A baixada foi case un punto inferior á rexistrada no conxunto do Estado, e o 95% dos novos contratos neste período foron no sector servizos


Foto: CIG
 

Infogauda / Galiza

 “O mundo do traballo en Galiza continúa a amosar unha tendencia moi preocupante, xa que o habitual descenso do paro que se rexistra no mes de abril situouse nesta ocasión preto dun punto por debaixo da media estatal e circunscribiuse case exclusivamente ao sector servizos. A profunda crise industrial que atravesa o noso país continúa a avanzar, provocando unha nova perda de emprego neste sector”. Esta é a análise que vén de facer público a CIG.

 Segundo os datos do desemprego que se veñen de coñecer, Galiza pechou abril con 150.602 persoas paradas anotadas no SEPE, 2734 persoas menos que no mes anterior, o que representa un descenso do 1,78%. Na media estatal a evolución foi máis favorábel, xa que o desemprego reduciuse case un punto máis, atinxindo o 2,77%. Este comportamento positivo vén sendo habitual en abril, e este ano non foi unha excepción, sobre todo tendo en conta que coincidiu coa Semana Santa. 

 Esta circunstancia explica que o 95% dos novos contratos subscritos neste período fosen no sector servizos, mentres que a industria rexistrou un aumento do paro do 0,26%. En consecuencia, as provincias con maior poboación e maior tirón turístico rexistraron mellores datos (a maior caída do desemprego foi na da Coruña, cun 2,35%), mentres que na de Ourense mesmo medrou o número de persoas paradas, con 49 máis anotadas no SEPE. 

 Aínda que o descenso do paro beneficiou lixeiramente máis ás mulleres (un 1,96%) que aos homes (un 1,53%), o 58% das persoas paradas continúan a ser mulleres. 

 En consonancia con esta evolución, a afiliación á Seguridade Social tamén aumentou, neste caso un 0,54%, con 5540 persoas afiliadas máis. O maior medre produciuse na provincia da Coruña, que tamén rexistrou un maior descenso do paro. 

 Paco Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG considera que os datos non son para nada positivos a pesar da euforia que está a amosar o Goberno español e o Ministerio de Traballo, xa que o emprego creado é case exclusivamente estacional ligado aos servizos, mentres que sectores como o primario ou a construción rexistraron descensos do paro testemuñais e na industria mesmo medou o desemprego. 

Nova precariedade laboral 

 En canto aos efectos da nova reforma laboral, Sío fai fincapé en que xa se están a deixar ver no mundo do traballo “dun xeito preocupante” e lembra que a CIG leva meses denunciando que se ía instalar unha nova precariedade: a contratación temporal está a ser substituída pola parcialidade do emprego. Até o punto de que este tipo de contratos (os das persoas indefinidas que non traballan a xornada completa), así como os fixos descontinuos, representan xa o 60% dos contratos indefinidos que se rexistran.  

 “Isto significa que as persoas que van a ter ingresos inferiores ao SMI, que en Galiza é un número moi elevado, atinxindo a 4 de cada 10, van aumentar aínda máis ao dispararse a contratación a tempo parcial, porque non van traballar toda a xornada ou todo o mes”.  

 De feito, no conxunto do Estado a contratación fixa descontinua, que substitúe os contratos por obra e servizo, incrementouse un 200%. Se a este tipo de contratación se lle suma a de tempo parcial atopámonos con que son xa 6 de cada 10 dos contratos indefinidos que se asinan. “Nun país no que se fan milleiros de horas extra sen retribuír e no que moita xente non percibe o SMI isto vai provocar un maior empobrecemento das persoas traballadoras, xa que a pesar de ter un contrato indefinido non van ingresar un salario completo”. E todo isto nun contexto no que -tal e como sinala- estase a multiplicar a carestía da vida e o IPC alcanza niveis históricos.  

 En definitiva, a precariedade baseada na temporalidade do emprego descende un 40% pero paralelamente medra a baseada na parcialidade, xa que o 33% dos contratos indefinidos xa son a tempo parcial. Se a isto se lle suma ao aumento da contratación por ETT, “xa que a nova reforma permite contratar traballadores/as fixos/as descontinuos/as por ETT aínda que sexa unha contradición”, atopámonos cun empeoramento xeneralizado das condicións laborais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario