9 de maio de 2022

DEPORTES

PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS LUÍS FERNANDEZ E MANU OCHOA CONSIGUEN ENTRAR NO EQUIPO NACIONAL DE SLÁLOM  


Os Teixugos Alba Soutelo, Luís Fernández e Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño, nos selectivos nacionais
Fotos: Cedidas

Informa: Rosa Fernández Carrera

 Do 30 de abril ao 8 de maio celebráronse os selectivos de slálom para determinar os integrantes dos equipos nacionais sénior, sub-23 e júnior. Este ano a Federación Española de Piragüismo decidiu aproveitar a  Pyrenees International Cup ou Copa Pirineus para facer os selectivos.  

 A copa Pirineus é unha competición internacional oficiosa, pero puntuable para o ranking mundial de slálom, que se celebra entre dúas sedes: o Parc Olímpic del Segre na Seu d'Urgell (España) o sábado 30 de abril e domingo 1 de maio, e o Parc Aquasports en Pau (Francia) o 8 e 9 de maio.  

 Aínda que a participación nesta competición é libre e aberta, só uns poucos deportistas, previamente seleccionados nas dúas Copas de España, entraban dentro dos selectivos nacionais.  

 O Club Deportivo Miño logrou meter a tres dos seus deportistas: Alba Soutelo que loitaba por unha praza en C1 júnior, Luís Fernández que buscaba praza en C1 sénior e Manuel Ochoa en K1 sénior.  

 Para os selectivos nacionais tivéronse en conta a suma de catro resultados: as clasificatorias do sábado e o resultado final do domingo na Seu, e as clasificatorias do sábado e o resultado final en Pau, eliminándose o peor dos resultados de cada atleta e sumándose os outros tres.  


Manuel Ochoa

 Manuel Ochoa tivo unha participación brillante. Buscaba unha das dúas prazas en K1 home, pois a terceira xa estaba concedida, por resultados, a Joan Crespo. Nas clasificatorias do sábado en Seu rematou segundo, no domingo a piques estivo de quedar fóra das finais por unha penalización, pero unha reclamación interposta polo técnico da Federación Galega, Manuel Freiría, metérono no último momento na final, onde nunha baixada rapidísima se puxo por diante de todos. En Pau nas clasificatorias foi oitavo na xeral, pero primeiro dos españois, e o domingo entrou nas finais e rematou en sétimo posto e primeiro dos españois. Sumados os puntos dos catro días, Manuel conseguiu a praza para o equipo nacional coa mellor puntuación de tódolos aspirantes. Esta é a primeira vez que un galego consigue entra a formar parte do equipo nacional na modalidade de K1.  


Luís Fernández

 Luís Fernández optaba a unha das tres prazas en C1 sénior. Na Seu D´Urgell rematou as clasificatorias quinto, cuarto dos españois; e o domingo nas finais foi cuarto, terceiro español. Na seguinte ronda, en Pau, Luís estivo impresionante. Nas clasificatorias do sábado foi o mellor español, rematando terceiro; e, no domingo, tamén foi o primeiro dos españois cun quinto lugar. Unha vez eliminado o seu peor resultado, a suma final méteno no equipo nacional, tamén coa mellor puntuación.  


 Alba Soutelo

 Alba Soutelo, buscaba praza no equipo júnior en C1. Na Seu acadou un oitavo posto o sábado, o domingo, nas finais foi décima. En Pau, nas clasificatorias foi décimo oitava e no domingo non acadou finais, rematando décimo quinta. Con estes resultados nos que tamén entraban as participantes sénior e sub-23, Alba non acadou posto no equipo nacional, pero por moi pouco, xa que buscaba unha praza júnior.  

 O podio da Copa Pirineus é resultado da suma dos  postos finais obtidos en Seu e en Pau, entrando só os deportistas participantes nas dúas competicións. Manuel Ochoa foi o gañador desta edición en K1 home e Luís foi bronce en C1.  


Galegos que participaron nos selectivos nacionais

 Destacar que estes selectivos nacionais de slálom son históricos para o piragüismo galego, pois ademais de Manu e Luís, Ainhoa Lameiro,  a canoísta do Piragüismo Penedo de Tui, acadou posto no equipo nacional C1 sénior e C1 sub-23, e tamén coa mellor puntuación. O seu compañeiro de equipo, Daniel Pérez entrou en C1 sub-23 e a piques estivo de facelo en sénior. Tamén participaron Mario Otero, do Tea Mondariz que buscaba un posto en K1 sub-23 e Borja González en C1 sub-23, quedando fóra por moi pouco.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario