A portería do Atlético Guardés continúa nas mellores mans Marisol
Marisol Carratú e Míriam Sempere renovan e seguirán un ano máis na Sangriña
A gardameta arxentina cumprirá a súa sexta tempada e media na Guarda mentres que a alacantina encara a terceira
Carratú: “É unha honra que me teñan en conta para formar parte deste novo proxecto”
Sempere: “Estou moi cómoda aquí e é un privilexio xogar #ante a mellor afección de España”
Redacción / Deportes
A xunta directiva do Mecalia Atlético Guardés vén de facer público que seguirá contando coas súas gardiás a próxima tempada. Marisol Carratú e Míriam Sempere renovaron a súa vinculación co club miñoto e seguirán protexendo as costas das súas compañeiras entre os tres paus. A capitá cumprirá, deste xeito, a súa sexta tempada completa na Guarda, ademais de medio curso 2018/19, cando regresou á entidade tras un paso efémero polo balonmán francés. A gardameta de Santa Pola, pola súa banda, alcanzará a súa terceira campaña na desembocadura do Miño, tras un ano no que demostrou a súa brillantez dentro e fóra da pista
Preto de cumprir 36 anos -farao o 15 de xullo-, Carratú converteuse nunha guardesa máis. A súa implicación co club e co pobo é absoluta, por iso resulta case imposible pensar nun Guardés sen ela. A capitá, ademais, bota unha man coas categorías de base nos adestramentos e con calquera cousa que se tercie. E, por descontado, o seu rendemento dentro da pista segue sendo máis que notable. A súa regularidade volveu a deixarse notar esta tempada e foi clave en máis dun partido, con porcentaxes próximas ao 50% nalgún deles. Ademais, o seu liderado dentro e fóra do 40×20 é un valor seguro.
“Quero achegar o meu gran de area para seguir entre os cinco primeiros”
Marisol Carratú
“É unha honra que me teñan en conta para formar parte deste novo proxecto que comeza a próxima tempada”, destaca a bonaerense, que se mostra “moi ilusionada” por empezar a etapa de Abel González como primeiro adestrador do Guardés. “Este novo corpo técnico prendeu unha mecha en min para motivarme para seguir mellorando a próxima tempada, aínda que xa estea maior”, chancea a capitá. “O día que deixe de sentir que estou ilusionada e motivada para afrontar o que vén, será un sinal de que terei que reformularme a miña situación”, subliña Carratú. Pero falta tempo para ese momento e a gardameta internacional arxentina xa pensa en repetir o rendemento ofrecido no curso 2021/22 no 2022/23: “Quero achegar o meu gran de area para que o Mecalia Atlético Guardés siga estando entre os cinco primeiros da liga”.
Igual que a súa compañeira, Sempere sempre achega ao grupo máis aló de que xogue ou non. É unha persoa moi apreciada polas súas compañeiras pola súa actitude positiva e a súa gran capacidade de traballo. Ademais, demostrou en numerosas ocasións que cando lla necesita dentro da pista, ela responde. A alacantina, de 26 anos, asinou boas actuacións ao longo do curso. Pero dous quedaron incrustadas na retina de todos o afeccionado: a que asinou contra Unicaja Banco Xixón no partido de Liga Guerreiras Iberdrola na Sangriña e, sobre todo, o seu memorable encontro fronte a Bera Bera nas semifinais da Copa da Raíña de Illumbe. Unha actuación que impulsou a todo o equipo para meterse nunha final histórica para o balonmán galego.
“A tempada que vén poderemos seguir pelexando por todas as competicións”
Míriam Sempere
“Estou moi contenta por renovar un ano máis co equipo”, proclama. “Estou moi cómoda aquí e é un privilexio xogar ante a mellor afección de España”, engade a porteira de Santa Pola, internacional con España na modalidade de balonmán praia. Sempere valora moi positivamente cumprir “obxectivos” nesta tempada e lograr “unha nova clasificación para competición europea” tras unha campaña moi difícil. “Creo que na que vén poderemos seguir pelexando como ata o de agora por todas as competicións”, conclúe a alacantina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario