22 de maio de 2022

DEPORTES

A SELECCIÓN ESPAÑOLA JUNIOR DE BALONMÁN PREPARA O EUROPEO NO ROSAL 

Tamén foi presentado o Torneo Internacional O Rosal da categoría junior masculina de balonmán, que se celebrará do 2 ao 4 de xullo 


Momento da presentación do Torneo Internacional O Rosal
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 As adegas Terras Gauda acolleron a presentación do Torneo Internacional O Rosal da categoría junior masculina de balonmán, que se celebrará do 2 ao 4 de xullo coa participación dos Hispanos Junior. A selección española regresa así á provincia de Pontevedra tras disputar o Campionato do Mundo en 2019, e farao para enfrontarse ás seleccións de Serbia e Montenegro en plena preparación para o Campionato de Europa 2022 que terá lugar en Porto do 7 ao 17 de xullo.

 Na presentación participaron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o presidente da Real Federación Española de balonmán, Francisco V. Blázquez; a deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra, Olga García; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; e o presidente do Acanor Novás Valinox, Andrés Serra.  

 O presidente da Federación Española resaltou a gran tradición do balonmán na comarca e agradeceu a implicación e colaboración activa do Concello do Rosal, da Deputación de Pontevedra, así como do Atlético Novás e da Federación Galega para traer ao Rosal aos Hispanos Junior, presente e futuro do balonmán.  

 En vindeiras datas coñecerase o calendario e horarios de xogo, así como información adicional sobre venda de entradas para desfrutar en directo deste torneo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario