7 de maio de 2022

A GUARDA

A HOMENAXE A MIGUEL ÁNGEL SOBRINO BLANCO CONGREGOU A UNHA AMPLA REPRESENTACIÓN SOCIAL

O acto cívico tivo lugar no cemiterio de A Guarda, na tarde do sábado día 7 de maio


Momento no que os familiares de Miguel Ángel Sobrino Blanco depositan a urna coas súas cinzas, na sepultura
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A emoción e mesmo as bágoas, pola perda física de Miguel Ángel Sobrino Blanco, que faleceu o pasado día 9 de abril de 2022, en Trujillo, Colón (Honduras), afloraron na tarde deste sábado día 7 de maio, no transcurso da homenaxe póstuma ao incomparable doutor, profesor xubilado da Universidade Complutense de Madrid. 

 Precedido por un funeral oficiado na igrexa parroquial de A Guarda, o acto cívico tivo lugar a continuación, no cemiterio de Sestás. Nese lugar reuníronse familiares, amigos, compañeiros de universidades de España, Honduras, Puerto Rico,..., alcalde e concelleiros de A Guarda, camaradas e veciños da contorna e mesmo de Madrid, Caminha, Vigo,...

 Miguel Blanco, como o coñecíamos todos, seguramente estaría decindo: Qué parvos sodes, me cagho na cona! Cómo vos habedes metido nestes freghados?

 Miguel era todo bondade. Todo canto podía facer en favor dos demais, parecíalle pouco. Era un ser humano único. Grande de corazón. Unha persoa desprendida. Un auténtico ser solidario.

 Na homenaxe póstuma que algúns dos seus amigos organizaron non faltou ninguén. E se algunhas persoas non puideron estar presentes sabemos que estábano na distancia, coa mente pensando en Miguel, e no acto que as persoas que lle queren habían organizado co máximo agarimo.






 O pobo de A Guarda que Miguel Blanco tanto quería, estivo de algún xeito representado polas decenas de persoas que se congregaron no cemiterio de Sestás, onde logo das diferentes intervencións, soaron as notas de Negra Sombra, interpretadas polo gaiteiro Eduardo Rodríguez Sobrino, que previamente abriu a comitiva xunto coa compañeira de Miguel Blanco e outras persoas vidas expresamente desde o continente sudamericano.




 Houbo varias intervencions, entre elas a dun representante da Banda Roxa - na que Miguel Blanco puxo todo de súa parte para lograr, como así foi, súa revitalización coa incorporación de novos membros -, e tamén dunha profesora da Universidade Complutense, de Madrid; de poetas como Francisco Álvarez Álvarez, Chuny Vázquez Vicente, Manuel Álvarez Álvarez, Joaquín Cadilla Castro..., e en nome dos organizadores falou emotivamente, Eloy Gómez Mariño.

 Unha nova actuación do gaiteiro Eduardo Rodríguez Sobrino, daría paso a colocación da urna coas cinzas de Miguel Sobrino, na modesta tumba, onde xacen os restos mortais de seus avós maternos. 

 A continuación tivo lugar unha ofrenda floral na que ademais da familia, amigos e membros da Banda Roxa, que depositaron uns centros de flores, e un deles, dos camaradas de Miguel, representando a bandeira tricolor; participaron todas as persoas que o desexaron. De feito, así foi, pois houbo a disposición de todos, caraveis e rosas vermellas para deitar no interior da sepultura. 

 Os fillos de Miguel depositaron unha póla do limoeiro - da casa materna de Miguel - con un vizoso froito. Entre mentres soaba discretamente "Grándola,  Vila Morena", de José (Zeca) Afonso, cantiga escollida como sinal da Revoluçâo dos Cravos vermelhos, que o 25 de abril de 1974, poría punto e final a ditadura en Portugal, data na que Miguel Ángel Sobrino Blanco, participou activamente en Lisboa.

 O acto en memoria do doutor Miguel Ángel Sobrino Blanco, foi unha mostra do aprecio que se lle ten a unha persoa tan especial, que mesmo deu súa propia vida por salvar - como así foi - a varias persoas en perigo de afogamento. Un feito que ben merece ser tido en conta. Por iso, suxerimos que desde o Concello de A Guarda, se comecen a dar os pasos previos para un recoñecemento institucional pola heroicidade demostrada polo noso entrañable veciño e amigo, Miguel Blanco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario