O Concello de A Guarda informa dunha batida de xabaril
• Que terá lugar este sábado día 21 de maio, no Monte Santa Trega
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda fixo público este xoves día 19 de maio, que debido a danos nos cultivos, producidos polos xabarís, Medio Ambiente autorizou unha batida que terá lugar no TECOR Campo do Couto, no Monte de Santa Trega, o vindeiro sábado día 21 de maio.
Segundo indican desde o concello guardés "esta batida está autorizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a petición da Sociedade de Caza A Rosaleña.
A batida realizarase nunha zona delimitada e respectando as zonas de seguridade marcadas, estando organizada conxuntamente con axentes medioambientais do distrito forestal e forzas de seguridade da zona."
Por ese motivo, desde a institución municipal "pídese á cidadanía evitar estes lugares durante esa xornada a fin de evitar interferir na actividade de caza, conscientes do perigo en si mesmo que conleva esta actividade."
Asemade, indican: "Ben é coñecido por moitos veciños que nos últimos meses a poboación de xabaril é cada vez maior, co conseguinte risco para a circulación de vehículos, producindo accidentes de tráfico, así como para os cultivos, ocasionando graves trastornos para moitos cidadáns."
Tamén é certo que os porcos bravos teñen deambulado polo centro urbano da vila de A Guarda en diferentes ocasións, sendo unhas das datas máis recentes, a pasada fin de semana, na madrugada do sábado para o domingo, en que foron vistos - e gravados en vídeo - na rúa Cervantes, en pleno casco antigo da localidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario