BALONMAN
División de Honra feminina
Abel González (adestrador do Atlético Guardés): “Estou moi agradecido ao club por esta confianza”
Infogauda / A Guarda
Como xa informamos na edición de onte deste xornal dixital transfronteirizo, Abel González Colorado será o técnico que relevará a José Ignacio Prades, como adestrador do Atlético Guardés, a farao dende a pretempada próxima. O técnico asturiano resume este paso nunha palabra: agradecemento. “Moi grande, ademais”, apostila. Abel da as grazas ao club “por esta confianza” por ofrecerlle o cargo de primeiro adestrador. “E, sobre todo, por pensar que o vou a facer ben. Senon, non me propoñerían”, apunta cun sorriso.
Consciente de que aínda quedan tres partidos para terminar esta tempada e centrado en achegar o máximo posible a José Ignacio Prades e ao equipo para acabar da mellor maneira, Abel entreabre unha xanela ao curso que vén. “A tempada que vén visualízoa en positivo. Penso que a plantilla que se está confeccionando é competitiva e vai a loitar desde o principio ata a final en todos os partidos”, expresa. “Imos armar un equipo que vai a traballar duro nos adestramentos para poder estar ao nivel requirido”, apunta sobre o cadro de persoal que dirixirá a vindeira tempada 2022/2023.
“Temos moitas ganas de facelo ben e tentar, sempre que se poida e os condicionantes acompañen, darlle un título a esta afección o unha clasificación acorde a entidade do Atlético Guardés”, agrega.
“A plantilla que se está confeccionando será moi competitiva”
Abel desfaise en eloxios cara a José Ignacio Prades, co que compartiu moitos adestramentos, partidos e experiencias, ademais dun título de Liga en 2017. “Foi un luxo contar cun mestre como el estes anos”, salienta González, que desexa que o seleccionador nacional “tamén aprendese cousas para aplicar no día a día” agora que estará á fronte das Guerreiras en exclusiva. “Creo que faciamos un bo equipo. É unha mágoa que teñamos que separar os nosos camiños pero penso que algún día atoparémonos de volta e poderemos traballar de novo xuntos”, desexa.
“Evidentemente, relevar a Prades é moita responsabilidade. Pero teño ganas de facelo ben sen compararme con el porque cada un ten a súa forma de facer. O que para min é máis importante é dar continuidade ao traballo que José desempeñou estes anos, con algún toque ou matiz persoal meu para que isto continúe tal cal como imos agora”, conclúe o técnico del Atlético Guardés 2022/23.
Ningún comentario:
Publicar un comentario