O Centro Cultural acollerá a presentación do libro “Camiño Portugués da Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago”
Este venres día 20 de maio ás 20:00 horas
Infogauda / A Guarda
Que o municipio de A Guarda sexa a porta de entrada en Galicia dunha das rutas xacobeas máis sobranceiras, é algo que estase comprobando día a día. Non en balde, son centenares os camiñantes que cada semana, procedentes de Porto, cruzan o río Miño desde Caminha e chegan a ribeira galega de Camposancos, para gozar coa paisaxe e a continuación entrar na vila de A Guarda detendose para gozar da contorna, da gastronomía, do patrimonio, pernoctar, repoñer forzas e logo continuar con máis folgos.
Ao fío dese feito cultural, social e turístico, que na nosa vila rexístrase con total naturalidade e ledicia, este venres día 20 de maio ás 20:00 horas o Centro Cultural de A Guarda acollerá a presentación do libro “Camiño Portugués da Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago”.
Trátase dun libro escrito e ilustrado por Ramón Quintas e Noelia Muíños, e publicado por Hércules de Ediciones en tres idiomas: castelán, galego e inglés.
Dirixido aos máis pequenos e ás súas familias, os autores agochan nas páxinas deste libro personaxes célebres, festas tradicionais, monumentos, ingredientes máxicos da gastronomía galega e o Apóstolo Santiago.
O libro conta con ilustracións das poboacións do Camiño Portugués da Costa onde hai un ir e vir de persoas, accións, vehículos, edificios, etc.
Mentres se observan os debuxos poderanse buscar e atopar diferentes personalidades importantes da zona, monumentos,…, e descubrir en cada mirada unha nova historia.
Percorrerase o Camiño a través das paisaxes de cada localidade e descubriranse as figuras humanas relacionadas con estes lugares. Algúns exemplos: un castrexo na Guarda; o trovador Mendiño, en Redondela; ou o loro Ravachol, en Pontevedra. En cada parada do Camiño agóchase ademáis o Apóstolo Santiago. Por iso os autores lanzan esta pregunta: Serás quen de atopalo?
Todos os nenos e nenas que acudan á presentación levarán de agasallo un póster de A Guarda para colorear.
Noelia Muiños e Ramón Quintas forman Papelier, un proxecto de creación de ilustración e deseño con sede en Baiona.
Noelia (Ponte Caldelas, 1986) é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Con experiencia no ámbito do deseño gráfico e editorial traballou tamén como docente no campo artístico e creativo con nenos e adultos.
Ramón (Gondomar, 1983) é licenciado en Belas Artes e realiza a súa actividade profesional principalmente no ámbito docente con xóvenes e nenos.
Coñecéronse estudando o Máster de Profesorado polo itinerario artístico en Pontevedra e logo emigraron a Austria, onde viviron durante os últimos sete anos. Alí deron forma á marca Caixa de Mistos, proxecto de ilustración con colección de papelaría e complementos propios. Baixo este nome realizaron exposicións, participaron en feiras de arte e artesanía, organizaron obradoiros creativos e realizaron numerosos encargos de deseño gráfico e ilustración.
Dende 2018 Caixa de Mistos pasou a denominarse Papelier, tomando toda esa experiencia anterior, pero buscando novos camiños.
O libro sobre o Camiño de Santiago portugués da costa coincide tamén coa volta á terra dos dous autores, que despois da estadía en Austria, decidiron volver para crear dende Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario