A Guarda acollerá a proxección do documental “Galicia Peregrina. A ruta portuguesa de Santiago”
• Será o sábado día 7 de maio, ás 20:00h no salón de actos do Centro Cultural
• Tamén presentarase o vídeo “Percorremos o camiño como peregrin@s” no que participan escolares e asociacións de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O salón de actos do Centro Cultural de A Guarda acollerá o vindeiro sábado día 7 de maio, ás 20:00h, unha dobre proxección vencellada ao Camiño Portugués da Costa.
O documental “Galicia peregrina. A ruta portuguesa de Santiago”, protagonizado pola presentadora Cristina Maró, que estará no acto deste sábado na Guarda, achegará ao espectador o verdadeiro significado de facer o Camiño de Santiago.
O Concello de A Guarda, continuando coas accións para difusión e promoción do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola vila vén de continuar co proxecto “Falemos do Camiño”, iniciado no ano 2020 e paralizado debido á pandemia.
Desta volta organizouse unha actividade cos centros escolares e colectivos da vila para promocionar o Camiño Portugués da Costa a través da actividade “Percorremos A Guarda como peregrinos”, onde o alumnado e usuarios, acompañados por un guía que foi explicando os diferentes elementos etnográficos, civís e relixiosos existentes no camiño, percorreron en diferentes sesións celebradas entre marzo e abril de 2022, parte do trazado do itinerario xacobeo por A Guarda. Ao mesmo tempo, aproveitouse esta acción para a gravación dun vídeo que será presentado tamén este sábado día 7 de maio no Centro Cultural da vila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario