Segue en marcha a investigación sobre a xuventude de A Guarda: é a quenda do foro participativo
• Mediante dinámicas grupais búscase afondar na perspectiva da mocidade
• Celebrarase no Concello o mércores 11 de maio de 16 a 19 horas
• As inscricións para participar aínda están abertas
Infogauda / A Guarda
Á tarde do mércores 11 de maio, nas dependencias do Concello, terá lugar a segunda parte da investigación sobre a xuventude de A Guarda que está levando a cabo a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Neste caso, o formato escollido será a realización dun foro participativo presencial no que se debaterá a perspectiva laboral e persoal das mozas e mozos e as súas expectativas sobre realizar unha carreira profesional na vila.
En que consistirá o foro?
Despois do éxito acadado na primeira fase, que se materializou nunha enquisa masiva dirixida á mocidade de 15 e 29 anos, neste encontro búscase unha interpretación máis en profundidade dos resultados. O foro, de tres horas de duración, articularase a través dunha serie de dinámicas dirixidas por unha experta en facilitación. A intención é crear un ambiente distendido, de confianza, no que se poida debater e coñecer máis polo miúdo as perspectivas laborais e persoais da mocidade guardesa. O prazo para inscribirse estará aberto ata o vindeiro día 9 inclusive e pódese xestionar a través do seguinte formulario:
https://forms.gle/m4UHWVVyodYExfAMA.
Os únicos requisitos para asistir son ser de A Guarda, ter unha idade de entre 15 e 29 anos e ter dispoñibilidade para acudir a duración total do encontro.
Unha primeira fase da investigación proveitosa
Grazas ás visitas realizadas aos centros educativos da vila nos que se imparte Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, as taxas de participación na sondaxe valóranse como moi positivas.
As entidades sociais e clubes deportivos de A Guarda foron tamén pezas clave na realización e na correcta difusión da enquisa, especialmente para chegar aos tramos de idade que abarca a investigación que xa non están cursando estudos no concello.
Pechan o listado de canles de difusión as redes sociais da OMIX e do concello e a web do consistorio.
Os resultados acadados nas diferentes fases desta investigación plasmaranse nun vídeo resumo, que será presentado na próxima Feira do Emprego de outubro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario