O BNG CONTINÚA DEMANDANDO UNHA COMUNICACIÓN EFICAZ CON CAMINHA
Anxo Lois Baz (portavoz municipal do BNG no concello de A Guarda): ”Un barco turístico de prezo desorbitado non é a solución. Goberno Central e Xunta de Galiza deben incluír nas súas axendas unha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha”
A concelleira Beatriz Lomba Rodríguez, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, e Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello de A Guarda, no peirao de A Pasaxe (Camposancos)
Infogauda / A Guarda
O portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Lois Baz Vicente, vén de anunciar “novas iniciativas no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego, para reclamar aos Gobernos do Estado e de Galiza unha comunicación eficaz e sostíbel entre A Guarda e Caminha”.
O fío desa reinvindicación - compartida no fuero interno de moitos cidadáns e asociacións, dunha e doutra beira do río Miño - o nacionalista manifestou: “Un barco turístico de prezo desorbitado non é a solución. Goberno Central e Xunta de Galiza deben incluír nas súas axendas unha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha”.
“Resulta fundamental recuperar dunha maneira eficaz a comunicación con Caminha e, para iso, é preciso un compromiso entre os Gobernos do Estado español e Portugal, que conte ademais coa implicación da Xunta de Galiza e dos concellos afectados a ambas as beiras do río Miño”, reivindica Anxo Baz.
Para a organización nacionalista “deben estudarse as distintas alternativas de transporte posíbeis, para apostar finalmente por unha proposta que permita compatibilizar a conservación do alto valor ecolóxico do Esteiro do Miño coa posta en marcha dun novo medio de comunicación eficaz e sostíbel que conecte de forma áxil A Guarda con Caminha”.
O portavoz municipal nacionalista aposta “por un proxecto de futuro que poida servir para avanzar na constitución dunha futura Eurocidade entre A Guarda e Caminha, que potenciaría as relacións económicas, sociais e culturais entre ambas localidades situadas a ambas beiras do Miño”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario