RECEPCIÓNS AS REMEIRAS CADETES DO CLUB DE REMO ROBALEIRA, CAMPIOAS DE GALICIA E DE ESPAÑA, 2022
O venres día 6 de maio, ás 16:00 horas, na sede de OR.PA.GU., e ás 17:00 horas, no Concello de A Guarda
Ao finalizar, volta de honra polo porto de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A vila de A Guarda pode estar ben orgullosa da súa xuventude deportista. Especialmente, cando logo de meses e anos de adestramentos e de sacrificios, chega o momento dos éxitos. Ese é o exemplo, entre outros, das mozas Tecla Baz, Claudia Dorado, Esther Dorado, Tania Dorado e Uxía Fernández (patroa), compoñentes do equipo cadete feminino do Club de Remo Robaleira - entidade deportiva en boa hora constituída no noso pobo mariñeiro -, que veñen de acreditar súa solvencia no remo de banco fixo, logrando os máximos galardóns: primeiro o campionato de Galicia, en Rianxo; e unha semana despois, o campionato de España, en Pasaia.
No campionato de España, fixeron un crono de 7:12:04, impoñéndose ao barco da S.D. Samertolameu, que fixo un rexistro de 7:20:08 e tamén ao batel da S.D. Tirán, que anotaron un tempo de 7:24:26. Dese xeito, as tripulacións de bateis cadetes féminas de Galicia, colmaron o podio, brindando a toda a afección do noso país, o mellor agasallo que podían ofrecernos. O premio a seu esforzo.
En todo iso teñen moito mérito todas as familias que nutren e dan vida aos clubes de remo, en xeral, e de xeito máis concreto, ao Club de Remo Robaleira. Sen o apoio incondicional de todas/os (deportistas, adestradores, directivos, entidades patrocinadoras ou copatrocinadoras,...) iso non sería posible. Por iso eses trunfos son éxitos a compartir.
E agora toca desfrutar cos éxitos da mocidade guardesa. Por ese motivo, na tarde deste venres día 6 de maio, imos ter a oportunidade de gozar cívicamente arroupando as remeiras campioas de Galicia e de España, asistindo ás recepcións programadas. A primeira, será ás 16:00 horas, na sede da Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.), e ás 17:00 horas, no Concello de A Guarda.
Ao rematar á recepción municipal, volta de honra polo porto de A Guarda.
Que se note que o pobo guardés apoia a súa mocidade deportista!
Ningún comentario:
Publicar un comentario