O CONCELLO DE A GUARDA CONTINÚA SEN AXUSTAR SEUS SÍMBOLOS Á NORMATIVA VIXENTE
O brasón e a bandeira non cumplen co establecido no Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia
Arquivo: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Unha vez máis, consideramos pertinente voltar a relembrar que o Concello de A Guarda non ten seus símbolos (brasón e bandeira) adaptados ao establecido no Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia. E non vemos xustificación algunha para que iso continúe sendo así, cando nosos representantes municipais saben - ou deberan saber - que o Artigo 3º, do devandito Regulamento indica:
- Símbolos prohibidos.
1. Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias nesta materia a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 259 da Lei 5/1997, de administración local de Galicia.
Segundo vén de informar a Xunta de Galicia, en data 25 de maio de 2022, "o Goberno galego leva aprobados un total de 274 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que os regula.
Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme as normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia."
Bandeira oficiosa
En realidade o Concello de A Guarda non conta con bandeira oficial, xa que ésta non existe como tal, dado que o concello tan soio dispón de un pendón municipal. Outra cousa é que dun xeito que non consideramos necesario cualificar, se veña empregando - mesmo nos balcóns da Casa do Concello - unha bandeira cunhas cores e símbolos determinados, da que non se coñece expediente de aprobación.
A descrición desa bandeira - que título persoal deste cronista consideramos oficiosa -, segundo a Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia [1] é a seguinte: En campo de goles, cruz plana branca, co escudo ao centro.
No tocante ao brasón, segundo a devandita asociación [2], a descrición é a seguinte: En campo de azur, movente do flanco destro unha fortaleza da súa cor, mazonada, sobre rochas e con escaleira de acceso, aclarada de prata e sumada de bandeira de goles cargada cunha cruz de prata; sinistrado todo dun bergantín de sabre de tres paus, sobre sinople, superado por dúas gaivotas de sabre. Ao timbre, coroa real pechada.
Convén ter en conta que no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, no seu Capítulo III (A Comisión de Heráldica de Galicia), Artigo 4º.- Natureza xurídica, indicase:
A Comisión de Heráldica é un órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de réxime local.
Artigo 5º.-Funcións.
1. Á Comisión de Heráldica emite informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.
2. Poderá elaborar as correspondentes propostas para a aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.
3. En cumprimento do establecido no artigo 260 no seu punto 3º da Lei 5/1997, de administración local de Galicia, tamén poderá asesorar en materia da súa competencia aos órganos dependentes da Xunta de Galicia e a todas aquelas corporacións locais e entidades públicas ou privadas que soliciten o seu ditame (...)".
Asemade, convén ter en conta o previsto no Artigo 6º.- Membros da comisión.
1. A Comisión de Heráldica estará presidida polo titular do órgano directivo competente en materia de réxime local e integrada por un/unha vicepresidente/a e cinco vogais:
a) O titular da vicepresidencia da comisión será designada pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.
b) Catro vogais designados pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.
c) Unha persoa vogal designada pola asociación de municipios e provincias mais representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma.
2. As persoas que integran a Comisión de Heráldica deberán reunir algún dos seguintes requisitos:
a) Licenciatura en ciencias históricas, filoloxía e letras, belas artes, restauración.
b) Especialista en debuxo e deseño heráldico.
c) Pertencer aos corpos facultativos de arquivos e bibliotecas, ou de museos.
d) Especialista en vexiloloxía.
e) Especialista en toponimia.
f) Ser persoa membro destacada dalgunha das institucións que aborden as ciencias da heráldica de Galicia.
g) Ser persoa membro ou colaboradora da Sección do Patrimonio Histórico do Consello da Cultura Galega.
3. As persoas membros da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia serán nomeadas por un período de 5 anos. Os nomeamentos faranse tendendo a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes. Para asegurar a continuidade nas súas actuacións as persoas membros a que lles expirase o prazo de nomeamento continuarán en funcións ata a toma de posesión dos novos membros.
4. Poderán asistir ás sesións da comisión, persoal técnico da Administración en funcións de asesoramento e colaboración segundo decida o presidente da Comisión de Heráldica na convocatoria (...)."
Ademais desas previsións, que permiten contar con expertos en heráldica, que chegado o momento oportuno, van proceder de acordo cos criterios que corresponde, queremos transcreber o previsto no Capítulo V
Procedemento
Artigo 16º.-
Procedemento de aprobación, modificación ou rehabilitación dos símbolos das entidades locais de Galicia.
Os plenos das entidades locais teñen a facultade de adoptar por maioría absoluta os acordos relativos á aprobación, modificación ou rehabilitación dos escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, podendo optar por un dos seguintes procedementos, segundo solicitude do anexo:
a) Solicitar a elaboración das correspondentes propostas á Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. Os trámites do procedemento serían os seguintes:
1. Elaboración das propostas e memorias heráldicas ou vexilolóxicas pola comisión e remisión á entidade local para súa aprobación.
2. Aprobación da proposta pola maioría absoluta do pleno da entidade local.
3. Sometemento do acordo plenario ao trámite de información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio no DOG, e no taboleiro de edictos.
4. Resolución polo pleno das alegacións que se poidan formular.
5. Remisión do expediente completo á Comisión de Heráldica para o seu informe preceptivo e vinculante.
6. Tras o informe favorable elevarase ao Consello da Xunta para a súa aprobación. b) Elaboración polo propio concello da súa proposta. A dita proposta conterá unha memoria histórico-heráldica, ou vexilolóxica subscrita por unha persoa especialista na materia, na que se expoñan, de forma detallada, breve e precisa, os fundamentos e as razóns que xustifican a súa proposta de adopción, modificación ou rehabilitación do escudo e/ou bandeira. Basearase en feitos históricos ou xeográficos característicos do seu territorio, conforme as normas de heráldica. A tramitación será a seguinte:
1. Aprobación polo pleno da proposta por maioría absoluta.
2. Sometemento do acordo plenario ao trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos.
3. Resolución polo pleno das alegacións que se poidan formular.
4. Remisión do expediente completo á Comisión de Heráldica para o seu informe preceptivo e vinculante.
5. Elevación ao Consello da Xunta para a súa aprobación se o informe é favorable. Se o informe é desfavorable daráselle tramite de audiencia ao concello.
Dese xeito, quedan claros os pasos necesarios para que os símbolos dun concello deixen de estar nunha situación de verdadeira anomalía, como é o caso de A Guarda.
Tamén consideramos oportuno transcreber o Artigo 18º.-Documentación.
1. As entidades locais que soliciten a adopción, modificación ou rehabilitación do seus escudos ou bandeiras e optasen polo procedemento da letra a) do artigo 16, achegarán coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificado da secretaria da entidade sobre o acordo do pleno, co quórum exixido, polo que se solicita a elaboración do símbolo correspondente.
b) Certificado da secretaria da entidade sobre o acordo do pleno de aprobación da proposta correspondente co quórum exixido.
c) Certificado do trámite de información pública e, se é o caso, a presentación ou non de alegacións e o acordo definitivo adoptado polo pleno da corporación.
2. As entidades locais que optasen pola elaboración da súa propia proposta remitirán xunto cos certificados sinalados nas letras b) e c) os seguintes documentos:
a) Memoria histórico-heráldica, ou vexilolóxica subscrita por unha persoa especialista na materia.
b) Dous exemplares orixinais do debuxo do escudo ou bandeira proposto no que se aprecien claramente as cores ou esmaltes empregados.
c) Aqueles documentos que se consideren oportunos para complementar a proposta.
E finalmente, imos ver o que nos indica o Artigo 19º.- Ditames.
1. A documentación necesaria será remitida pola entidade local á consellería competente en materia de réxime local que deberá solicitar informe da Comisión de Heráldica no prazo de trinta días hábiles. A Comisión de Heráldica poderá, con carácter previo a emisión do seu informe, solicitar ditame da Real Academia da Historia ou doutra institución análoga. Se no prazo de dous meses non se emitise o ditame requirido, que, en ningún caso, será vinculante, a Comisión de Heráldica procederá de acordo cos seus criterios.
2. O informe da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia terá carácter vinculante, e deberá emitirse no prazo de tres meses. Se no dito prazo, non se recibise este informe ou outra comunicación ao respecto daráselle curso ao expediente sen máis trámite, debendo, neste caso, o titular da consellería competente en materia de réxime local, elevar a proposta de aprobación do expediente ao Consello da Xunta de Galicia.
A Guarda entre os 39 concellos con deberes
Todo iso, que visto así semella un mundo, non o é tanto, se temos en conta que antes o fixeron outros concellos. Se ademais observamos que dos 313 [3] concellos existentes en Galicia, 274 xa teñen normalizados seus símbolos, é bastante indicativo que A Guarda atópese nested momentos entre os 39 que ainda non cumplen co establecido. E non será porque non o teñamos relembrado en diferentes ocasións. Os motivos - que seguramente habelos hainos - non teñen ningún tipo de xustificación. E nisto, como noutros asuntos, todos os grupos municipais teñen súa correspondente cota de responsabilidade política.
Por iso, insistimos. O Concello de A Guarda debe dar os pasos necesarios para que os seus símbolos (bandeira e brasón) cumplan coa normativa vixente e non informar de xeito erróneo á cidadanía, indicando na páxina web municipal, no apartado correspondente Organización Municipal (Escudo e bandeira): "Aquí se mostran o escudo e a bandeira da localidade de A Guarda. Máis abaixo están disponibles unhas ligazóns de descarga das imaxes con máis resolución."
E xa postos, propomos modificar o contido relativo aos símbolos municipais do Concello de A Guarda, que figura nunha coñecida páxina web colaborativa. Tan soio é cuestión de proporse facer as cousas como corresponde.
Fontes:
[1] Heráldica municipal da provincia de Pontevedra (Deputación de Pontevedra)
[2] Heráldica municipal da provincia de Pontevedra (Deputación de Pontevedra)
Ningún comentario:
Publicar un comentario