JOAQUÍN CADILLA PRESENTOU "PALABRAS COMO CORPOS PRATA"
• O poemario foi un agasallo que lle fixo a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) con motivo do XXV aniversario da fundación desa entidade
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
As veces, cando non coñecemos de preto a unha persoa, a primeira impresión visual que podemos captar non fai xustiza os valores que, probablemente, ese ser humano posúe. É preciso escoitar, tratar, compartir,...,, en definitiva, convivir, para chegar o miolo dese ser e comprobar que trala súa epiderme hai moito mais por descubrir.
Joaquín Cadilla Castro, mariñeiro - por herdanza consanguínea -, patrón de pesca e - desde 2005 -presidente de OR.PA.GU., posúe moitos valores que a simple vista non é doado presupoñer. Require tempo.
Tamén requeriu tempo - o seu propio e intransferible tempo - o labor de creación do contido de Palabras como corpos prata. A ópera prima, que diante dos seus e de toda á veciñanza, Joaquín Cadilla presentou con emotividade na tarde de onte na Casa dos Alonso, nun evento organizado pola concellalía de Cultura do Concello de A Guarda.
Alí, interviu en primeiro lugar Antonio Lomba Baz, que dende súa condición dual de veciño e ao mesmo tempo de profesor -en excedencia polo desempeño das súas responsabilidades como alcalde -, ofreceu unha concisa descrición do perfil de Joaquín Cadilla Castro. Fíxoo con verbas sinxelas e ao mesmo tempo acertadas, pois de algún xeito, o rexedor comparte idénticas orixes que o poeta.
A seguir, falou Manrique Fernández Vázquez, escritor e xornalista, que desde o maxisterio da súa ampla traxectoria lírica persoal e tamén desde o coñecemento da obra do autor debutante, centrou súa participación discursiva nas características estilísticas e formais da poesía de Joaquín Cadilla.
Asemade, fixo uso da palabra Joaquín Cadilla, para agradecer tanto o agasallo que por sorpresa lle fixo OR.PA.GU., ao publicarlle o poemario, como pola acollida dispensada polo respectable público, entre o cal estaban familiares, amigos, compañeiros de profesión, membros da Organización de Palangreiros Guardeses e tamén da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, usuarios e directivos da Asociación Avelaíña, así como unha ampla e heteroxénea mostra da veciñanza de A Guarda, Camposancos e Salcidos.
Joaquín Cadilla tivo tamén a emoción nos ollos e na gorxa, cando relembrou coa súa inconfundible voz, ao inesquecible Domingo Carrero Álvarez "Minxos", inigualable ser humano e verdadeiro artista carpinteiro de ribeira, cuxo maxisterio quedounos coma un legado, no volanteiro guardés Piueiro, construído baixo súa dirección no seu estaleiro de A Pasaxe (Camposancos).
traductor da árbore
nos escuros
das lúas de outono
baixo a testura da casca
agochábanse as grafías
que che labraron as mans
os versos de zume
conservarán o misterio
ns quillas que nos deixaches
Na presentación, foron recitados polo autor de Palabras como corpos prata, e tamén por Manrique Fernández e veciñas/os de A Guarda, varios poemas de diversos rexistros, da autoría de Joaquín Cadilla, mais todos eles erixidos cunha arquitectura versificadora moi persoal e sen parangón.
"Joaquín Cadilla procura palabras como corpos prata. Dobréganse as mans do patrón, e de un en un, vai enchendo as cámaras de poemas e espadas. Recibimos así este quiñón, esta escolma que leva o selo da humildade (...)", afirma Dolores Tembrás.
O magnífico acto cultural tivo tamén momentos para o canto e para á música de Laura Guisantes e súas amigas do C. S. Fuscalho, que ofreceron unhas saborosas pingas de folk tradicional, moi acaído cos decires e os poemas de Balueiro.
Por último, o autor asinou exemplares do seu libro, cuxo importe das vendas van íntegramente para unha asociación da localidade que vén amosando desde súa fundación, un ronsel de óptimo labor social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario