1 de maio de 2022

VIGO

Miles de persoas mobilízanse coa CIG este 1º de Maio para esixir políticas públicas e salarios dignos contra a pobreza 

O secretario xeral reclamou medidas urxentes para afrontar a crise, frear os “efectos devastadores” dos altos prezos e poder ter “unha vida digna”


Manifestación central da CIG, polas rúas de Vigo para conmemorar o 1º de Maio
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

Varios milleiros de persoas botáronse hoxe ás rúas do país convocadas pola CIG para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema 'Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos', reclamación que a central sindical acompaña dun paquete de propostas para facer fronte ao descontrolado incremento da carestía da vida. O secretario xeral da central nacionalista, que participou na manifestación de Vigo, reclamou a aplicación urxente de medidas para afrontar a crise, frear os “efectos devastadores” dos altos prezos e poder ter “unha vida digna”.

 Un total de 16 localidades galegas acolleron mobilizacións da CIG para celebrar un ano máis o día do internacionalismo proletario, unha xornada reivindicativa e festiva na que as protestas promovidas pola central sindical volveron ser as máis concorridas. A manifestación central tivo lugar novamente en Vigo e foi a máis multitudinaria de cantas se convocaron por todo o país, a pesar de que o Concello, a través da Policía Local, volvese manipular os datos para minimizar a asistencia e beneficiar a CCOO e UGT, cuxa convocatoria congregou a moita menos xente.

 Ao remate da marcha o secretario xeral, Paulo Carril, tomou a palabra para proclamar en primeiro lugar o “firme compromiso” da central sindical coa paz, denunciar a guerra en Ucraína e demandar o cese da “brutal apoloxía” do militarismo, do belicismo e da OTAN. “Cando proclamamos o noso compromiso coa paz tamén o facemos coa soberanía e a autodeterminación dos pobos, que no caso de Galiza pasa por reclamar o dereito a decidir libremente o noso futuro; non hai homes e mulleres libres en nacións asoballadas, non hai liberación social sen liberación nacional”, asegurou, antes de trasladarlle publicamente toda a solidariedade ao pobo ucraíno.

 Mais tamén ao saharauí, ao tempo condenou que o Goberno español, “que de forma unilateral e sen apoio parlamentario se somete a Marrocos e á súa postura imperialista”, incumprindo o dereito internacional e negando os dereitos do pobo saharauí. “Hoxe é unha necesidade vital para o futuro da humanidade unha nova orde mundial asentada en pobos e nacións libres, soberanas, non sometidas nin dominadas, e na que as relacións internacionais se dean en pé de igualdade”.

 A continuación centrou o seu discurso na situación económica e social “extrema” que padecemos na actualidade, “que está a ter un impacto brutal na clase traballadora e nas maiorías sociais” porque aos efectos da crise económica sumáronse as consecuencias da pandemia, “e agora estase a aproveitar a guerra para xustificar a aplicación de políticas económicas que non dan solución a unha carestía da vida que xa arrastrabamos, pero que foi a máis, con altos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos”.

 Neste senso, criticou o aumento do gasto militar (até o 2% do PIB) anunciado por un Goberno español “supostamente de esquerdas”, pero que gasta máis en armamento que en medidas para acabar cos “efectos devastadores” que a carestía da vida está a causar nas maiorías sociais. Fronte a isto, apelou á necesidade de adoptar de xeito urxente medidas extraordinarias de intervención pública, de cambios profundos nas políticas económicas e fiscais, que non se inclúen no Plan de Resposta Económica á Guerra aprobado polo Goberno español.

Sindicatos ao servizo do capital

 Carril quixo deixar claro que a resposta á crise tampouco pode estar no Pacto de Rendas e nas negociacións do acordo estatal de negociación colectiva, “xa que de novo o diálogo social e UGT e CCOO volven estar ao servizo do capital, e baixo a premisa de impor a moderación e contención salarial imposibilitan calquera recuperación do poder adquisitivo e contribúen a consolidar os baixos salarios”.

 Porque, segundo advertiu, está en xogo o noso futuro, o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, o noso poder de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo, os nosos salarios. Po iso renovou o compromiso da CIG coa conflitividade na negociación colectiva como a central sindical está a facer en distintos sectores e convenios.

 Lembrou que esta situación ten lugar coa entrada en vigor da nova reforma laboral, da reforma das pensións e doutras reformas que afectan negativamente á clase traballadora. “Reformas coas que nin recuperamos dereitos nin avanzamos en novos dereitos, que disfrazan precariedade baixo novas formas contractuais, reforma que causan máis desigualdade de xénero e non garanten os dereitos das mulleres”.

 Censurou tamén que se aproben novas leis laborais e socias que non derogan as aprobadas no seu día polo PP e que permiten siga vixente a “criminal” Lei Mordaza, que sigue a ser empregada “con dureza” polo Goberno e os Tribunais para reprimir a loita e mobilización social. “Estamos ante unha seria e grave ameaza de retroceso para os nosos dereitos, salarios e condicións laborais, que buscan reeditar aqueles ignominiosos Pactos da Moncloa de 1977”.

 Neste contexto, criticou que o Goberno galego estea máis preocupado na sucesión de Feixó que na “gravísima” situación que estamos a sufrir, practicando unha “absoluta inacción” para dar resposta á “agonía” de moitos sectores, actividades económicas e produtivas básicas do noso país. “Mentres seguimos sendo quen proporciona, a través da emigración, man de obra barata, deixando sen xente un país cada vez máis avellentado e con menos poboación activa”.

 Alertou que a pesar do cambio na Presidencia da Xunta o PP seguirá a practicar unha “política planificada” que promove a “colonización e dependencia” de Galiza e do pobo galego a “deseños” feitos dende Bruxelas e Madrid, “onde todo se pon a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento”.

 Puxo como exemplo a “permanente” ofensiva privatizadora da sanidade pública e dos servizo públicos e a actual ofensiva eólica na que as grandes empresas eléctricas aproveitan a descarbonización para unha nova oportunidade de negocio, “facéndose un lavado verde sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”.

 E cualificou o que está a acontecer como “novo proceso de colonización enerxética” a través de macroparques eólicos “que ameazan os nosos montes, terras e mar, despois de que no franquismo se destruíran ríos e terras produtivas, mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e temos comarcas enteiras camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos”.

 Por iso apelou á necesidade de contar cunha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da luz e lamentou que tanto o PP como o PSOE estean a impedir unha transición ecolóxica galega xusta “que dea unha alternativa de futuro, de benestar e dun verdadeiro desenvolvemento económico, social e industrial sustentábel”.

Medidas urxentes contra a crise

 No tramo final da súa intervención Carril sinalou algunhas das medidas urxentes que a CIG reclama para afrontar a crise, frear os efectos devastadores dos altos prezos e poder ter unha vida digna. En concreto, as dirixidas a reducir a factura eléctrica e o custe dos combustíbeis; medidas de intervención pública no sector eléctrico; pero tamén para garantir o poder adquisitivo dos salarios e rematar coa fenda salarial de xénero; para defender a industria, os sectores produtivos, o emprego; pero tamén os nosos dereitos ante a aplicación abusiva dos novos ERTE. Así como as dirixidas para favorecer e abaratar a mobilidade das persoas no transporte público e a conxelación dos alugueiros.

 “Por todo isto, facemos do 1º de Maio unha data de reivindicación, mais debemos intensificar a mobilización todos os días; neste momento histórico que estamos a vivir as nosas reivindicacións van a máis, como tamén necesitamos ir a máis na nosa capacidade de confrontar contra o poder económico”.

 “Porque o camiño é a loita, a mobilización e crear organización, crear poder popular, porque os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si, nin os cede un poder económico hoxe empachado de riqueza ao ver vixentes as súas políticas de roubo e saqueo á clase traballadora”.

 “Porque confiamos no enorme potencial que ten a mobilización social para a conquista das políticas alternativas coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario