21 de abr. de 2022

VIGO

Comité de empresa e dirección de Povisa pactan unha suba salarial para desbloquear a negociación do convenio  

O acordo ponte establece un incremento do 2,5% para este ano e a ampliación de xornada a todo o persoal ao que se lle reducira 


Imaxe dunha mobilización do persoal do hospital Ribera Povisa, para desbloquear a negociación do convenio colectivo

Infogauda / Vigo

 O hospital Ribera Povisa de Vigo e todos os sindicatos con representación no comité de empresa, entre eles a CIG, pactaron hoxe un acordo ponte para desbloquear a negociación do convenio colectivo que establece unha suba salarial do 2,5% para este ano e a ampliación da xornada laboral a todos/as aqueles/as traballadores/as aos que se lle reducira no seu día. 

 Dende a representación da CIG no comité de empresa consideran insuficiente o incremento de soldos, que ademais non contempla revisión salarial a final de ano, pero decidiron asinar o acordo para facilitar o desbloqueo das negociacións do convenio, tendo en conta que o cadro de persoal leva 12 anos coas condicións laborais conxeladas. Deste xeito, as conversas para renovar o acordo laboral retomaranse en maio.  

 Con todo, na central sindical valoran que o acordo contemple o compromiso por escrito da dirección de Povisa de que lle restituirá a xornada completa a todo o persoal á que se lle reducira no seu día. O pacto entre as partes tivo lugar a poucos días do inicio dunha folga indefinida, prevista para este luns día 25. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario