24 de abr. de 2022

VIGO

COMISIONS OBREIRAS ORGANIZA UNHA CONCENTRACIÓN

Con motivo do Día internacional da seguridade e saúde laboral

O 28 de abril ás 12.00 diante da Xunta de Galicia (rúa Concepción Arenal, 8 - Vigo)



Infogauda / Vigo

 CCOO esixe máis medios para garantir a seguridade laboral nas empresas e relaciona a sinistralidade coa precariedade  Galicia foi no ano 2021 a terceira comunidade autónoma con maior índice de incidencia de accidentes mortais e a quinta en total de falecidos por accidentes en xornada laboral. 

 Con motivo do día internacional da seguridad e saúde laboral, CCOO organiza unha concentración que terá lugar o 28 de abril ás 12:00 horas diante da sede da Xunta de Galicia (rúa Concepción Areanl, 8 - Vigo).


Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral

 «Non se pode normalizar esta situación, porque non é normal que cada ano morran case cincuenta persoas por mor do traballo», advertiu o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, na presentación dun informe cos principais datos de sinistralidade do último ano.

 No 2021 houbo case trinta mil accidentes con baixa, en total 28.991 (un 18,3 % máis). Esta repunta débese, principalmente, a que o ano pasado recuperou boa parte da actividade en comparanza co 2020, exercicio en que as restricións derivadas da pandemia limitaron o funcionamento de moitas empresas. 

  Segundo o informe de CCOO, a sinistralidade laboral ten claro nesgo de xénero: o 72,46 % dos accidentes padecéronos homes, cifra que se eleva ao 97,92 % no caso dos sinistros con resultado de morte.  

 A precariedade laboral é outro factor vinculado coa sinistralidade. En proporción, os traballadores e traballadoras cun contrato temporal sofren máis accidentes ca os que teñen unha relación estable. No ano 2021, o 41,69 % dos accidentes de traballo con baixa en xornada laboral de persoal asalariado sufríronos persoas cun contrato temporal. «Tendo en conta que a poboación asalariada temporal representaba o 24 % do total, é evidente que existe unha relación entre os sinistros e o tipo de contrato», concluíu o sindicalista.  

 Neste contexto, o secretario de Saúde Laboral de CCOO valorou que, coa reforma laboral aprobada este ano, «contamos cunha ferramenta importante», xa que vai permitir reducir as taxas de precariedade ao limitar «enormemente» a contratación temporal. «Agardamos que isto tamén teña efectos positivos na seguridade e saúde no traballo», apuntou.  

 Por todo isto, Iglesias esixiu «máis medios» para garantir o «efectivo cumprimento» da normativa de seguridade laboral nas empresas e reclamou «sancións exemplares» para as empresas que non cumpran coas súas obrigas na materia e poñan en risco a integridade e as vidas do seu persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario