28 de abr. de 2022

TOMIÑO

Tomiño conmemora o Día Internacional da Danza con “Antes de que llegue la bestia”, o último traballo da Compañía Ensalle  

O espectáculo, que combina danza, teatro e audiovisual, estará o sábado 30 de abril ás 21 horas, no Auditorio de Goián 




Infogauda / Tomiño

 “Antes de que llegue la bestia”, o último traballo da Compañía Ensalle, é a obra seleccionada pola concellalía de Cultura para conmemorar o Día Internacional da Danza (29 de abril) en Tomiño.




 Esta obra multidisciplinar combina linguaxes coma o teatro, a danza e o audiovisual, e contén unha connotación socio-política inherente ao quefacer escénico da compañía. 

 A peza escénica que poderase ver este sábado ás 21 horas no Auditorio de Goián, ten unha duración de 60 minutos, e  conta coa colaboración do colectivo audiovisual “Terrorismo de autor”.

 “Besta é a palabra clave da peza. A “besta” política e económica, a “besta” social, o que deixou a “besta” nos nosos corpos, a miña “besta”, explican os autores da obra. “A mirada sitúase no contexto socio-político actual: como está construído o sistema no que vivimos, como nos afecta, como nos relacionamos con el, como podemos evidenciar á “Besta”, como podemos destruír a evidencia”, engaden.

 Ensalle é unha  compañía de creación contemporánea nada en Madrid en 1995 e asentada en Vigo dende 2003. As súas creacións, son o resultado dun traballo de continuidade e en evolución permanente, levando á escena propostas que mesturan linguaxes cun contido socio-político e vital. As súas creacións foron presentadas en espazos e festivais ao longo de toda de España, México, Chile, Arxentina, Uruguai, Portugal, con grande éxito.

Data: Sábado 30 de abril

Hora: 21h

Idade: Público adulto, a partir de 16 anos.

Lugar: auditorio de Goián

Prezo: 5€

Ningún comentario:

Publicar un comentario