Santa Calumbra volve esta fin de semana a Oia
Coa música de Pelepau
Infogauda / Oia
Despois de dous anos se poderse celebrar por mor da Covid, este ano volven as tradicionais festas de Santa Calumbra, en Santa Comba, na parroquia oiense de Loureza. As celebracións terán lugar esta fin de semana e, para iso, a comisión de festas presenta unha programación na que destaca a tradicional Subida, así como diversas actuacións musicais, especialmente a do recoñecido grupo folk Pelepau.
Os actos festivos comezarán o venres 29 de abril coa Subida de Santa Calumbra, desde a igrexa de Loureza (20.00 horas) ata a ermida, a cal estará amenizada polo grupo Tralo Mosteiro, de Oia.
O domingo 1 de maio ás 11.00 horas fará a entrada a Banda de Música Xuvenil de Barro e ás 12.30 será a misa solemne, con sermón e procesión.
A parte festiva desta xornada chegará a partir das 15.30 horas, coa música dos grupos Extra e Azar, e como peche estelar, a actuación de Pelepau.
O recinto estará cuberto por unha carpa.
Pelepau é un grupo recoñecido na escena folk-trad galega composto por 11 percursionistas, todos eles profesores en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega. Este conxunto musical naceu en Vigo no ano 2010 co obxectivo de adaptar cancións tradicionais e populares desta terra con voces e percusións varias. A súa proposta tenta transmitir e conservar a cultura galega mediante un espectáculo interactivo, cunha posta en escena dinámica e en constante interacción co público. O concerto desta formación musical conta coa colaboración do Concello de Oia e máis da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario