Tomiño xestiona máis de 6.000 incidencias mediante a plataforma “Línea Verde”
Nestes dous últimos dous anos, o 62.32% das incidencias foron realizadas a través da App móbil , o 3,71 % a través da páxina web municipal e un 33,97 % séguense comunicando a través do rexistro do Concello
Infogauda / Tomiño
A plataforma “Línea Verde” posta en marcha polo Concello de Tomiño hai pouco
máis de dous anos, rexistrou nese período de tempo máis de 6.000 incidencias
chegadas dende todas as parroquias do municipio. A día de hoxe pecháronse 5.761
incidencias (92,38 %), estando en trámite 475 (7,62%).
“Línea Verde” é unha ferramenta de comunicación directa que permite aos
veciños e veciñas comunicar incidencias acontecidas no municipio tales como
luces fundidas, fochancas no pavimento, lixo na rúa ou mobiliario público
deteriorado, entre outras. De todas as comunicacións recibidas da
veciñanza, a maior parte (36,57%) corresponden a avarías no alumeado público.
O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto, precisa que
o 62,32% das incidencias son realizadas a través da App móbil, o 3,71 % mediante
a web municipal e o 33,97% restante comunícase no rexistro do Concello, tanto
presencialmente, como por teléfono. Así mesmo, comenta que coa incorporación de
novo persoal contratado dentro do Plan Concellos, estase acelerando a súa
resolución.
Desde a súa posta en marcha en marzo do 2020, a App rexistrou máis de
6.000 incidencias, resolvéndose 9 de cada 10. Algunhas adoitan arranxarse
en poucos días, como as avarías no alumeado público, que representan un terzo do
total. Cada mes o sistema rexistra unha media de entre 200 e 300
notificacións, unha cifra que aumenta especialmente nos meses de inverno debido
ás tormentas e avarías que estas causan no tendido eléctrico. Do mesmo xeito, apréciase
unha tendencia ascendente debido ao maior coñecemento da aplicación por parte
da veciñanza, que a emprega cada vez máis, grazas á súa utilidade e sinxeleza.
Comezar a empregala é moi sinxelo para o usuario. Tan só é necesario
descargar a app ‘Línea Verde’, de xeito gratuíto, a través de Google Play ou da
App Store, e seleccionar o municipio de Tomiño. Para comunicar unha nova
incidencia soamente hai que premer no botón ‘Nova incidencia’, escoller a súa
tipoloxía, enviar a ubicación e achegar unha foto e explicación breve sobre o
problema.
Este proceso de dixitalización tamén foi asumido polo persoal do Concello; unha vez que o cidadán envía unha notificación, esta chega á tableta de cada equipo de traballo en función da natureza da incidencia, e nese momento inícianse os trámites para resolver o problema en cuestión. “Este sistema facilita moito o traballo do persoal municipal, xa que permite organizar a resolución das tarefas dun xeito moito máis eficiente, ademais de proporcionar moitos datos e estatísticas a tempo real”, comenta o concelleiro. Unha vez completado o proceso, o cidadán recibe unha notificación no seu móbil informando que a incidencia foi solucionada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario