Tomiño conmemora o Día do Libro cun concurso de reseñas bibliográficas e un club de lectura
A OMIX oferta tamén de maneira gratuíta un club de lectura xuvenil que terá lugar o primeiro venres de cada mes
O Concello de Tomiño conmemora o Día do Libro coa convocatoria dun concurso de reseñas bibliográficas. Organizado pola Concellería de Cultura, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), as persoas que se anoten terán a posibilidade de escoller entre dous libros: “Los besos en el pan”, de Almudena Grandes, e “Sen piedade”, de Pedro Feijoo.
Para participar no concurso é necesario ler unha das obras e logo escribir unha reseña de entre 500 e 700 palabras. Por último, facerse unha foto co texto elixido e logo, loxicamente, enviar a reseña e a foto á OMIX por medio de correo electrónico (omix@tomino.gal) antes do 10 de maio.
A persoa gañadora recibirá un vale por 50 euros para gastar na libraría “Novidades” de Tomiño, ademais de ver publicada a súa reseña nas redes sociais municipais.
Ademais, a Concellería de Cultura de Tomiño ofrece un 10% de desconto en todos os textos literarios, en colaboración coa libraría Novidades, que engade outro 10% de rebaixa adicional, para quen compre un libro o día 23 de abril.
Club de Lectura Xuvenil
A OMIX ofrece, a través do programa de voluntariado local, un Club de Lectura de balde que terá lugar o primeiro venres de cada mes en horario de 16.30 a 17.30h. e as prazas serán limitadas. Levarase a cabo no local da OMIX de Tomiño dende o mes de maio (ou xuño) até final de ano.
A actividade, especialmente dirixida a público xuvenil, consistirá na lectura de diferentes temáticas e no fomento do uso da lingua galega, da lectura e do pensamento crítico.
Xa está aberto o formulario de inscrición na páxina web do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario