A Xunta de Galicia ofrece o seu apoio a Distribuciones Pako para que poida recuperar a súa actividade canto antes
O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións desta empresa do Porriño que sufriu o pasado mércores un incendio que afectou á nave central
A Administración autonómica ofrece asesoramento e acceso ás súas liñas de financiamento -a través dos préstamos estratéxicos para pemes- mentres non se executan as pólizas de seguro
Foto: X.G.
Infogauda / O Porriño
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá no Porriño, acompañado do alcalde, Alejandro Lorenzo, as instalacións de Distribuciones Pako, empresa afectada por un incendio declarado o pasado mércores e que afectou, sobre todo, á súa nave central. No encontro, Conde trasladou aos responsables que contan co apoio da Xunta para que poidan recuperar canto antes toda a súa actividade.
O vicepresidente segundo explicou que, neste momento, estase na fase de facer balance dos danos para cuantificar as perdas producidas nesta empresa dedicada á venda e distribución de maquinaria e útiles para sondaxes, minaría e instrumentación que conta con oito empregados.
Durante este encontro, Conde aproveitou tamén para agradecer, en nome da Xunta de Galicia, a rápida actuación dos equipos de extinción, corpos e forzas de seguridade e a coordinación coa que actuaron todas as administracións implicadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario