Nova cita co sabor no Mercado de Tomiño
Xa están á venda os tíckets para participar este sábado, na segunda xornada de degustación de pinchos celebrada ao abeiro da campaña ‘Vive!’
Infogauda / Tomiño
A actividade continúa esta Semana Santa en Tomiño
con novas accións programadas ao abeiro de ‘Vive!’, unha campaña posta en
marcha polo Concello para a reactivación económica e a dinamización do comercio
local e que está a ter unha grande acollida por parte do público durante as
súas primeiras semanas de vida.
Este 16 de abril, o Mercado de Tomiño acolle a
segunda xornada dos ‘Sábados con sabor’, un formato co que se busca que a
veciñanza desfrute do tempo lecer nestas instalacións mentres degusta novidosos
pinchos e bebidas, á vez que enche de vida o mercado e convida a tomiñeses e
tomiñesas a mercar nel.
Nesta nova xornada, o público poderá gozar de
13.00 a 15.00 horas de dúas bebidas e dous pinchos de autor ideados e creados
para cada sesión polos propios praceiros e praceiras con produtos locais. Así,
o menú desta fin de semana estará composto por falafel e por unha brocheta de
tenreira con lagostinos en salsa teriyaki e sementes de sésamo.
As persoas interesadas en participar poden comprar xa os seus tíckets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño. O prezo de cada entrada será de seis euros e haberá un aforo máximo de 60 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario