A unidade móbil de “Coidados porta a porta” visitará Oia
Estará na explanada do campo de fútbol de Oia do 25 ao 28 de abril
Infogauda / Oia
A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha, visitará Oia este mes de abril, ofrecendo consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación de memoria. O vehículo situarase na explanada do campo de fútbol de Oia os días 25, 26, 27 e 28 deste mes.
Este servizo gratuíto está dirixido a persoas maiores de 55 anos. Funciona con cita previa, que pode solicitarse chamando ao teléfono 622 748 283 ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. A inscrición previa tamén pode facerse no teléfono do Concello de Oia: 986 362 125.
Ademais, o día 25 ás 12.30 horas haberá unha charla na Casa Consistorial na que se explicará en que consiste a iniciativa e se poderán consultar dúbidas.
O programa “Coidados porta a porta” inclúe tres tipos diferentes de servizos: podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Cada sesión concertada pode ter unha duración de ata 45 minutos. Segundo a especializade, as actuacións serán as seguintes:
- Servizo de podoloxía con consulta básica, onde se fará unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e se procederá a eliminación de durezas, calos e helomas.
- Servizo de audioloxía, no que se fará unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.
- Servizo de estimulación da memoria, cun profesional que realizará una valoración cognitiva e proporcionará pautas para previr e minorar posibles deterioros.
Este programa sociosanitario achega servizos asistenciais a maiores que viven no rural co obxectivo de previr a dependencia e percorre os distintos concellos de Galicia para que as persoas usuarias poidan permanecer coidadas na súa contorna. En total, 8 autobuses visitarán máis de 300 localidades e permanecerán entre 3 e 4 días en cada municipio, atendendo con cita previa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario