Este verán nenos e nenas volverán desfrutar do Campus Multideporte Concello do Rosal
Tras dous anos de parón pola situación sanitaria, o campus celebrará do 4 ao 15 de xullo a súa quinta edición
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Dúas
semanas de moito deporte e de moito balonmán. Tras dous anos de parón debido á
situación sanitaria, o Acanor Novás Valinox prepara xa coa colaboración do
Concello do Rosal a quinta edición do Campus Multideporte, quince días no que
rapazas e rapaces de entre 6 e 12 anos poderán desfrutar da actividade física e
da contorna. E volve con moitas ganas de seguir crecendo ano a ano para
converterse nun dos campus de referencia da comarca.
“Con
esta iniciativa non só fomentamos un estilo de vida saudable entre os nosos
nenos e nenas, senón que tamén facilitamos a conciliación laboral e familiar da
veciñanza durante as vacacións estivais”, salientou a alcaldesa, Ánxela
Fernández Callís, na presentación do campus, na que estivo acompañada por César
Armán, director deportivo e segundo adestrador do primeiro equipo, e Iago
Flores, xogador do primeiro equipo e adestrador da base.
Dende
o 4 ao 15 de xullo todos os rapaces e rapazas participantes farán actividades
acuáticas, practicarán hóckey, realizarán sendeirismo, gozarán de xogos
populares e recibirán charlas formativas, entre outras moitas actividades. O
campus contará con prazas limitadas, con monitores titulados que se encargarán
de dirixir todas as actividades e recibirá a visita de deportistas de alto
nivel.
As
persoas interesadas poderán facer a súa reserva ou solicitar máis información a
través dos teléfonos 627 753 917 ou 664 644 748.
Ningún comentario:
Publicar un comentario