21 de abr. de 2022

O ROSAL

O Rosal, terra de bos lectores e lectoras  

A alcaldesa entregou os premios a Yulisa Cividanes, Álex Diego e Luis Machado, usuarios que maior número de libros colleron na biblioteca municipal no último ano


Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal, con Álex Diego e Luis Machado, rosaleiros premiados pola súa paixón pola literatura
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa conmemorando o Día do Libro do mellor xeito posible: premiando as rosaleiras e rosaleiros con verdadeira paixón pola literatura. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, entregou os premios Bo lector, un galardón co que se recoñece aos usuarios da biblioteca municipal que máis libros colleron en préstamo durante o último ano. “É unha forma máis de animar e fomentar a lectura e de facerlles unha pequena homenaxe a todas aquelas persoas que tanto visitan a nosa biblioteca”, salienta a rexedora.


A alcaldesa entregándolle a Yulisa Cividanes Rodríguez o seu agasallo, por ser a persoa que na categoría infantil, máis libros da biblioteca municipal levou para ler 

 O premio á persoa con máis libros lidos na categoría infantil, de 0 a 9 anos, recaeu en Yulisa Cividanes Rodríguez. Pola súa banda, na categoría xuvenil (de 10 a 18 anos) o primeiro posto foi para Álex Diego Alonso, mentres que na categoría adulto (a partir dos 18 anos) a persoa con máis libros collidos en préstamo na biblioteca foi Luis Machado Rivero.

 A alcaldesa fíxolles entrega a cada un dos gañadores e gañadoras dun diploma que recoñece o seu hábito lector e agasallounos cun lote de libros. Fernández Callís deu os parabéns aos tres gañadores e a todos os usuarios e usuarias da biblioteca “porque a lectura é fundamental na nosa sociedade. Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ata estas instalacións e desfrutar dun espazo único que sempre ofrece unha morea de posibilidades”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario