A Xunta de Galicia inicia esta primavera a elaboración do censo poboacional de sete especies de aves mariñas en Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou os contratos por un importe de case 64.000 euros e un prazo de execución de 10 meses
Farase un seguimento especial a espazos da área litoral da Rede Natura 2000 e a súa contorna, como a ría de Ortigueira e Ladrido, o complexo intermareal Umia-O Grove, a ría de Foz ou o complexo húmido de Corrubedo
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia vai iniciar esta primavera os traballos para a elaboración do censo poboacional de sete especies de aves mariñas en Galicia. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o contrato, que foi adxudicado en tres lotes diferentes por un importe de case 64.000 euros.
Deste xeito, o Goberno galego contará cun inventario actualizado sobre as poboacións reprodutoras do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), a gaivota patiamarela (Larus michahellis), a gaivota escura (Larus fuscus), o gaivotón (Larus marinus), o arao común (Uria aalge) e a pardela cincenta (Calonectris borealis).
A empresa adxudicataria disporá de 10 meses para, entre outros traballos, peitear o litoral de Galicia para observar exemplares destas especies, así como determinadas áreas concretas de Rede Natura 2000, como a ría de Ortigueira e Ladrido, o complexo intermareal Umia-O Grove, a ría de Foz ou o complexo húmido de Corrubedo.
Con este tipo de iniciativas dáse cumprimento ao Plan Director da Rede Natura 2000, que fixa obxectivos de conservación específicos dos espazos da área litoral, entre os que se atopan mellorar e completar o inventario das especies de interese comunitario nos espazos protexidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario