O BNG propón á Xunta que faga gratuítas as autovías AG-55 e AG-57 mentres persista o actual contexto de suba de prezos
Xosé Luís Bará afea o veto do PP a unha iniciativa que tamén emenda con novas bonificacións o “agravio” ás áreas A Coruña-Bergantiños e Vigo-Val Miñor
Infogauda / Santiago de Compostela
O BNG defendeu no Parlamento galego a gratuidade das autovías AG-55 e AG-57 -que conectan as áreas da Coruña e Bergantiños e Vigo e Val Miñor, respectivamente- como medida temporal en tanto persista o actual contexto “de emerxencia” derivado da suba de prezos.
Para a formación nacionalista, a medida debería aplicarse, como mínimo, ás persoas usuarias habituais e transportistas, xa que son ámbalas dúas zonas de alta densidade de tráfico e cunha elevada concentración de parques industriais e nós loxísticos, para, unha vez se estabilicen os prezos, aplicar novas bonificacións -de canto menos o 50% nas viaxes de volta para todo tipo de vehículos-, xa que as desenvolvidas ata o de agora pola Xunta resultan “absolutamente insuficientes”.
Así o dixo o portavoz nacionalista de Infraestruturas, Xosé Luís Bará Torres, quen afeou ao Goberno do PP o desconto do 25% na viaxe de volta en días hábiles e só para persoas usuarias con telepeaxe, “inferior, por exemplo, ao aplicado no caso da AP9”, ou a redución do 50% en horario nocturno: “habería que ver cal é o tráfico entre as 00 e as 06 h da madrugada nestas dúas autovías”, ironizou para reprobar con severidade esta última bonificación para as usuarias e usuarios que pagan diariamente unha peaxe de 5,10 euros entre A Coruña e Carballo e de 3,40 euros entre Baiona e Vigo.
“Se estas medidas xa eran insuficientes no contexto anterior, moito máis o son no actual contexto de emerxencia que vivimos agora”, recalcou, para recriminar ao Executivo galego “o agravio e a discriminación permanentes que sofren a veciñanza e as empresas de dúas das áreas metropolitanas do País, pagando peaxes abusivas mentres outras comarcas contan con autovías tamén titularidade da Xunta que si son gratuítas”.
Logo de advertir que estas peaxes están provocando ademais o incremento do tráfico rodado nas estradas convencionais, cos conseguintes problemas de inseguridade viaria, contaminación e ruído, Bará avogou por poñer en marcha medidas compensatorias máis ambiciosas e beneficiosas que as articuladas pola Xunta, medidas que, ao seu xuízo, favorecen o reequilibrio territorial e son “de xustiza para as empresas das respectivas áreas como para as persoas, sobre todo para as que teñen salarios máis baixos, que teñen que desprazarse diariamente para acudir aos seus postos de traballo, aos seus centros de estudio ou aos servizos dos que fan uso”.
Nesta proposición non de lei, o Bloque tamén defendeu a necesidade de acometer “unha medida máis de calado” como é a necesidade de estudar, “dunha vez por todas”, o rescate destas autovías, de modo que se equiparen a outras autovías de titularidade galega que son gratuítas para as persoas usuarias. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.
Ningún comentario:
Publicar un comentario