21 de abr. de 2022

A GUARDA

A Guarda prepárase para acoller a II Carreira Solidaria e inclusiva Revirando  

A proba celebrarase o domingo 8 de maio a partires das 10:30h con dous percorridos: na modalidade 1 con 3.800m e a modo carreira ou andaina; e na modalidade 2 con 1.000m a modo carreira ou andaina, con saída e meta na Alameda de A Guarda


O alcalde de A Guarda - 2º pola der. - coas persoas que participaron na  presentación da segunda edición da carreira solidaria e inclusiva Revirando
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonso acolleu na mañá deste xoves día 21 de abril a presentación da segunda edición da carreira solidaria e inclusiva Revirando, organizada polo Colexio PP. Somascos e o Colexio San Xerome Emiliani.  

 No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes; Valentina González Rodríguez, representante do Colexio PP. Somascos; Christian Estévez, representante do Centro San Xerome; e David Alonso, profesor e coordinador da carreira.  

 Antonio Lomba quixo agradecer o enorme esforzo que supón organizar este tipo de eventos, dando os parabéns e indicando o total apoio do Concello de A Guarda a este evento solidario e inclusivo que, sen dúbida, agrupa a boa parte da cidadanía da localidade e súa contorna.

  



 Trátase dunha proba solidaria non competitiva que ten por obxectivo a convivencia festiva nun evento inclusivo onde coincidirán nenos/as e adultos. É a culminación ou produto final dun proxecto educativo en que o alumnado aborda a organización da mesma sempre desde un prisma de sensibilidade cara a discapacidade e complementado con outras actividades integradoras e solidarias en liña de meta.  

 A proba celebrarase o domingo 8 de maio a partires das 10:30h con dous percorridos: na modalidade 1 con 3.800m e a modo carreira ou andaina; e na modalidade 2 con 1.000m a modo carreira ou andaina, con saída e meta na Alameda de A Guarda.  

 A cota de inscrición será de: 7,00€ para adultos e de 3,00€ para menores de 16 anos, establecendo tamén a Fila 0 para aquelas persoas que non estean interesadas na participación activa na carreira pero si queiran contribuír a que Revirando poida seguir loitando polos seus obxectivos. Tamén é posible realizar na propia plataforma de inscrición un donativo - que deberá ser feito por transferencia e non por pago por tarxeta - que será entregado a Asociación DisCamino.  

 As inscricións están xa abertas ata o 4 de maio na seguinte ligazón:    

https://inscriu.me/es/revirando-a-guarda-ii-0 

 No caso de chegar a 1.000 inscritos pecharase a inscrición antes da data sinalada.   

Máis actividades na Alameda de A Guarda  

 Haberá un campo de baloncesto no que o equipo campión de Europa en cadeira de rodas, Iberconsa AMFIV, ensinará a toda a xente que o desexe os segredos desta modalidade. Poderán participar activamente todas as persoas que o desexen.  

 Tamén haberá un patio dinámico. Trátase dun espazo inclusivo onde os nenos/as asistentes poderán xogar nun modelo de xogos tradicionais que veñen facendo os dous colexios na súa alianza en materia de inclusión.  

 Realizaranse ademais partidas simultáneas de xadrez e contarase co concerto do grupo “Uxía Lambona e a Banda Molona”.  

 Ao remate farase entrega dos premios Revirando a organizacións ou persoas que contribúan en materia de inclusión ou discapacidade, e como colofón do evento terá lugar un sorteo con múltiples agasallos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario