Os mercados de Tomiño estrean páxina web
Recolle a información sobre os postos das prazas de Tomiño e Goián, así como horarios ou novidades
Infogauda / Tomiño
Tomiño pode presumir de mercados municipais do
século XXI, tamén na súa forma de comunicarse coa veciñanza. As prazas de
abastos do concello estrean páxina web cun deseño moderno, atractivo, limpo e intuitivo
que permitirá á veciñanza estar informada de todo o que acontece tanto no
mercado de Tomiño como no de Goián. “Os nosos mercados tamén teñen que
emprender o camiño da dixitalización porque veñen novos tempos con novos
consumidores e consumidoras para os que a vida dixital é importante”, explica a
alcaldesa, Sandra González.
Trátase dunha web visual na que teñen cabida as
renovadas instalacións das dúas prazas de abastos e a todos os postos que
nestes intres están a desenvolver a súa actividade económica en ambos os dous
recintos.
A veciñanza poderá atopar información sobre a
actualidade dos mercados, os obxectivos, horarios, servizos con información
particular de cada un e mesmo modos de contacto tanto coas propias prazas como
con cada un dos postos. A web compleméntase co acceso a novas canles de
comunicación dos praceiros e praceiras de Tomiño coa veciñanza, como a súa canle de Youtube ou a súa páxina de Facebook, na que van informando aos veciños e veciñas das
diferentes novidades.
Son “novas canles de comunicación para dar a
coñecer todo o que se está a facer en instalacións que mesturan de forma
perfecta tradición e modernidade, espazos vivos no que continuar fomentando a
compra de produto local e dinamizando económica e socialmente os núcleos
urbanos de Tomiño”.
A nova web dos mercados forma parte do programa de acción de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño coa que se busca reactivar a actividade económica e social do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario