3 de mar. de 2022

TOMIÑO

Tomiño vólcase na celebración do Día da Muller  

A programación inclúe desde un curso de autodefensa feminista hasta teatro, cineforum e exposicións, pasando polo acto institucional que terá lugar na Praza do Seixo e no que o alumnado de secundaria lerá poemas e interpretará música  




Infogauda / Tomiño

 Tomiño vólcase na celebración do Día da Muller. A Concellalía de Igualdade organiza un amplo programa de actos, que comeza o día 4 co inicio dun curso de autodefensa feminista e no que hai cabida para obras teatrais, contacontos, cineforum e exposicións artísticas.  

 O acto central será o día 8 de marzo ás 12 horas na Praza do Seixo, e consistirá na lectura da declaración institucional (por parte da alcaldesa e membros da corporación municipal); poemas e actuación musical a cargo do alumnado do IES Antón Alonso Ríos.  

 O día 13 de marzo, ás 17.30h, o Auditorio de Goián acollerá “Procúrase Pepa a Loba”, unha sesión de contacontos.  

 O día 17 celebrarase para o alumnado do IES un Cineforum pola Igualdade conducido por unha experta. 

 O 18, ás 13.00h, a obra de teatro “Subterránea” (tamén para o alumnado) e, ademais, unha proposta escénica a cargo de Mónica Sueiro, na que se tratará a visibilización de mulleres artistas ao longo da historia. Ambas actividades terán lugar no instituto de Tomiño.  

 Xa o día 26 de marzo, a partir das 21.00h, o Auditorio de Goián ofrecerá “12 uvas, dúas mulleres e unha oliva”, unha comedia da compañía Olivas Negras, con dirección de Marián Bañobre, que relata en clave cómica a historia de autosuperación e empoderamento feminino.  

 E ao longo de todo o mes de marzo estará nas rúas da vila a exposición comisariada por Conchi Garrido Rodríguez “Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa”.  

 Cristina Martínez, concelleira de Igualdade, convida a toda a veciñanza a participar nos actos programados, lembrando a necesidade de visibilizar a todas as mulleres que traballan desde diferentes eidos por defender a igualdade entre os sexos,  reivindicando a mellora das condicións de traballo, os dereitos civís, políticos, á educación e a unha vida sen violencia.  

 Todas as actividades son de balde e contan co apoio do Ministerio de Igualdad, Pacto de Estado contra la Violencia de Género, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario