3 de mar. de 2022

VIGO

Vigo, O Porriño, Cangas e A Guarda acollerán mobilizacións da CIG no Día da Muller Traballadora 

A central sindical convoca accións de protesta en 21 localidades galegas baixo o lema 'Mulleres precarizadas polos gobernos' 


Ester Mariño, secretaria das Mulleres da CIG de Vigo compareceu hoxe en rolda de prensa para presentar a campaña que a central sindical está a desenvolver para conmemorar o 8 de Marzo

Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 Vigo, O Porriño, Cangas e A Guarda acollerán mobilizacións da CIG o vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Nesa xornada a central sindical convoca accións de protesta nun total de 21 localidades galegas baixo o lema 'Mulleres precarizadas polos gobernos'. 

 Ester Mariño, secretaria das Mulleres da CIG de Vigo compareceu hoxe en rolda de prensa para presentar a campaña que a central sindical está a desenvolver para conmemorar o 8 de Marzo, nun contexto no que os datos do desemprego que se veñen de coñecer “son alarmantes” para a poboación feminina, xa que todo o emprego destruído “ten rostro de muller”. 

 É por iso que nesta ocasión a CIG vai saír á CIG baixo o lema “Mulleres precarizadas polos gobernos” para denunciar que levamos anos con mobilizacións masivas e con convocatorias de folga ás que se suman case todos os partidos políticos e os distintos gobernos -que mesmo fan súas as reivindicacións do feminismo- sen que logo iso se materialice nunha mellora real das condicións de vida e de traballo das mulleres en Galiza. 

 “Esiximos que por unha vez se nos recoñezan dereitos reais e queremos denunciar que estamos precarizadas polos gobernos, xa que a pesar de que a pandemia puxo o foco sobre a importancia dos traballos dos coidados seguimos inmersas nunha feroz política de privatización dos servizos públicos de atención ás persoas”, indicou Mariño. 

 Ao mesmo tempo, lamentou que a nova reforma laboral reincida nos contratos precarios, “que van ter unha vez máis rostro de muller”, perpetuando os fixos descontinuos, de formación e temporais, “que son os máis habituais entre as mulleres”. 

 Segundo denunciou, toda esta precariedade da vida laboral das mulleres repercute negativamente nas pensións, elevando a fenda nas contías até o 35,02%, “o que significa que as mulleres galegas cobramos 300 euros menos que os nosos compañeiros”. 

 Tamén queremos censurou que os traballos feminizados seguen a ser un nicho de mercado precario e desvalorizado; que os dereitos de conciliación son inexistentes e pasan necesariamente por unha redución dos ingresos das mulleres traballadoras; que continuamos a padecer todo tipo de violencias no traballo; “e que anos tras ano estes gobernos que se chaman progresistas e feministas veñen aprobando normas e reais decretos estrela orientados a eliminar as discriminacións no mercado de traballo pero que carecen de articulacións que permiten implantalos, como os plans de igualdade ou as auditorías salariais”.

 Por todo isto, fixo un chamamento a que as mulleres tomen as rúas un ano máis para berrar “basta xa de precariedade e para reclamar os nosos dereitos” e animounas a participar nas mobilizacións convocadas:




-Vigo: manifestación ás 12:00 horas dende o cruce da Dobrada até farol de Urzaiz. 

-O Porriño: manifestación ás 11:30 horas dende a rotonda das Angustias até o Concello. 

-Cangas: manifestación dende a estación marítima ás 11:30 horas até o Concello. 

-A Guarda: concentración ás 12:00 horas na praza Avelino Vicente (As de Copas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario