22 de mar. de 2022

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA AUMENTA ATA OS 80.000 EUROS A PARTIDA DE AXUDAS PARA EDITAR LIBROS E AUDIOVISUAIS EN GALEGO     

Outra novidade da convocatoria de 2022 é que as axudas irán exclusivamente dirixidas a entidades sen ánimo de lucro     

A deputada María Ortega mantén o criterio de outorgar subvencións a edicións exclusivamente en galego porque a situación sociolongüística “fai necesario incidir neste aspecto”  

 

María Ortega, deputada de Lingua
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 A  Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras das axudas para a edición de libros e audiovisuais, así como formatos especiais, que se editen neste ano 2022. A finalidade é colaborar na difusión de traballos en lingua galega que terían difícil saída dentro do mundo comercial pero que son considerados de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo, principalmente na provincia de Pontevedra. 

 Nas bases (publicadas hoxe no BOPPO) mantense o requirimento principal de que as publicacións teñen que editarse exclusivamente en galego, con excepción das citas literarias, xa que segundo a responsable do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico e tamén deputada de Lingua María Ortega “a situación sociolingüística do galego na provincia fai necesario que se aposte por levar a cabo a publicación de estudos que incidan neste aspecto”. 

 A nacionalista explica que a convocatoria deste ano inclúe dúas novidades importantes con respecto a edicións anteriores: o aumento da partida ata os 80.000 euros e a circunscrición das axudas a entidades sen ánimo de lucro. Quedarán excluídas da convocatoria as solicitudes presentadas por persoas físicas, as reedicións de calquera peza editada anteriormente, así como pezas que pertenzan a partidos políticos, sindicatos, ou colexios profesionais, así como tamén as de asociacións, fundacións e similares se as persoas destinatarias son unicamente as persoas asociadas. 

 O importe máximo da subvención para cada edición non poderá exceder o 70 % do orzamento total. No caso de publicacións en papel, non superará o importe de 3.500 euros, no caso de edicións en formato audiovisual non excederá os  8.000 euros, nas edicións mixtas –que inclúan publicacións en papel e en formato audiovisual- o importe total subvencionado non superará os 8.000 euros, e no caso dos formatos especiais de edicións -coma publicacións en braille, audiolibros para persoas con diversidade auditiva ou formatos para persoas con diversidade cognitiva-, non superará os 12.000 euros.

 Poderán solicitarse estas subvencións para a edición de monografías, revistas ou calquera outro tipo de documento de interese, en diferentes modalidades e formatos. Na modalidade de ‘Ficción’ poderanse subvencionar audiovisuais, banda deseñada (traballos que busquen consolidar produtos innovadores de difícil saída en editoriais privadas ou dedicados a públicos específicos, sempre que o seu contido teña un carácter divulgativo respecto á lingua e á cultura galegas) ou edicións especiais en braille e noutros formatos adaptados. 

 En ‘Non ficción’  valoraranse as edicións de ensaios e estudos que teñan relación con aspectos da provincia, de persoas ou colectivos relevantes desta que teñan incidencia nela e que traten sobre arquitectura e urbanismo, danza, escultura, música, pintura, literatura, cinema e audiovisual, fotografía, banda deseñada, patrimonio (material -bens inmobles catalogados- e inmaterial), memoria histórica democrática, fomento da igualdade entre xéneros, e fomento da normalización da diversidade funcional.

 As solicitudes de axudas deben presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da convocatoria e o seu estrato no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de datos Nacional de Subvencións (BDNS).

Ningún comentario:

Publicar un comentario