Avelaíña inaugura un novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ponteareas
Contará con 30 prazas concertadas polo SERGAS para persoas con enfermidade mental grave destas comarcas e dará cobertura ás comarcas de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas
Fotos: Natalia Guisande
Infogauda / Ponteareas
Arroupada por autoridades da Sanidade pública e membros das corporacións locais, a familia Avelaíña inaugurou hoxe o seu novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con problemas de saúde mental.
Moderno e amplo, dispón de 314 m2 - incluíndo unha sala de equipo, despacho para a psicóloga, un obradoiro ocupacional e sala polivalente-, na rúa dos Carballos, nº 9 baixo, de Ponteareas. Ubicado preto da estación de autobuses, facilitará a asistencia ó centro o tratarse dun territorio eminentemente rural, con gran dispersión e carencias no transporte, facilitando así a súa autonomía e inclusión na comunidade.
O acto, que tivo lugar ás 10:30h e contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, autoridades sanitarias e membros das corporacións locais, xunta directiva, familiares, usuarios e técnicos das diferentes delegacións da asociación, comezou co recibimento de todos os invitados para proceder o descubrimento da placa por parte do conselleiro de Sanidade. Posteriormente a responsable do centro, Lorena Francisco, facía unha visita guiada polas instalacións, finalizando coa intervención das diferentes autoridades.
María Fernanda Orduna Vela, presidenta da asociación, afirmou que contar cun centro como éste é unha boa noticia para Avelaíña, e agradeceu a aportación da consellería de Sanidade e dos concellos, xa que permitiron facer realidade esta estructura que tanto necesitaban os nosos usuarios.
Cristina Fernández Davila, alcaldesa do concello de Ponteareas, aplaudiu a impresionante labor que realiza Avelaíña na comarca.
Por último Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, aproveitou o acto para anunciar unha noticia moi esperada por todos: a apertura da Unidade de Saúde Mental para o mes de abril en Ponteareas.
A apertura deste dispositivo supón un salto cualitativo na atención das personas con enfermidade mental nestas comarcas, xa que xorde como consecuencia da saturación do Programa Achego, pola necesidade dunha atención máis continuada.
Este programa que se vén desenrolando dende o 2016, como unha iniciativa pioneira nestes territorios, daba por primeira vez unha resposta innovadora á necesidade de atención especializada en saúde mental no rural, partindo dun entorno socio familiar e comunitario máis preto das personas afectadas.
Con estas novas instalacións, preténdese mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, así como manter a persoa con enfermidade mental no entorno comunitario, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social mediante unha atención integral.
Asociación Avelaíña
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.
O proceso de expansión da asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade dalgúns usuarios que se desprazaban ata a Guarda para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 a asociación solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.
No ano 2016, traballadoras sociais das comarcas de O Condado e A Paradanta detectan a gran urxencia e necesidade de atención e solicitan a intervención na zona. No rural galego, a necesidade de recursos é aínda maior, pois se trata dunha poboación con escasos servizos e recursos públicos de proximidade, con dificultades de desprazamento ata as urbes pola falta de transporte e con un acusado envellecemento.
Tendo isto en conta, a Asociación Avelaíña decide responder a esta demanda e comeza a prestar atención no ano 2016, continuando co proceso de expansión. Deséñase o proxecto “Achego”, para intentar aproximar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e ós seus familiares en ambas comarcas. O proxecto ponse en marcha, atopando unha situación máis grave da esperada. Deséñase entón un programa máis amplo para as comarcas de O Condado, A Paradanta e o concello de Salceda de Caselas, onde se plantexa un traballo máis comunitario no contexto do rural galego, creando un recurso de proximidade en saúde mental aberto á poboación.
No 2022 abre o seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral con 30 prazas concertadas polo Sergas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario