Éxito de participación e implicación na VI Feira das Ciencias
Máis dunha ducia de científicas/os e investigadoras/es das universidades galegas participaron na Semana das Ciencias
Organizada pola Concellería de Ensino, permitiu a celebración de seminarios para profesorado, saídas didácticas, conferencias e obradoiros
Infogauda / Ponteareas
Implicación e participación son o
mellor resumo da sexta edición da Semana das Ciencias que onte pechou o seu
programa cunha ateigada Feira das Ciencias.
Na contorna da casa do Concello 23 postos de trece centros educativos dábanse cita para amosar os seus
coñecementos científicos. Centos de persoas aprenderon da man do noso alumnado
e do seu profesorado demostrando, unha vez máis, o alto interese que suscita
esta iniciativa financiada completamente con fondos propios.
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila,
deu os parabéns a todos e todas as participantes polo seu bo traballo e a súa
predisposición para aprender e, tamén, para ensinar. “Temos que destacar o alto
nivel de participación tanto da comunidade educativa como da cidadanía que se
achegou para coñecer os experimentos, ensaios e investigacións que fan a nosa
mocidade e a nosa infancia”, sinalou.
Cristina Fernández Davila subliñou,
ademais, a importancia que ten a Feira das Ciencias para dar visibilidade a boa parte do traballo que fan os centros
escolares de portas cara a dentro.
No marco desta actividade procedeuse
ao sorteo do patinete eléctrico para o alumnado que participara nas catro
conferencias do ciclo das tardes. O alumno do IES Pedra de Auga, Hugo Troncoso,
futuro estudante de Física, resultou o gañador deste premio que quixo compartir
co profesorado e alumnado do centro no seu stand da Feira.
Ao longo desta semana científicos das universidades
galegas achegáronse ata Ponteareas ofrecendo ao público a oportunidade de
aprender da man dos máis expertos e expertas. Pedro Pablo Gallego, Patricia
Muñiz, Juan Picos, David Patiño, Enrique Varela, Jorge Mira, Xana Álvarez,
Sergio Quiroga, Pablo Moure, Fernando Castro e Pilar Piñeiro reflexionaron
sobre “Sostibilidade e cambio climático” afrontándoo dende distintas
perspectivas e sectores quedando claro que todos e todas somos responsables, todos
e todas somos parte activa e de que toda a cidadanía pode contribuír no seu día
a día na protección e coidado do noso planeta.
“Temos que agradecer a todas as nosas persoas
científicas, investigadoras, expertas e emprendedoras a súa participación. É un
auténtico tesouro poder asistir completamente de balde a estas clases
maxistrais”, engadiu a alcaldesa.
Pero tamén houbo tempo para obradoiros
como o de “Xogando coas dimensións e a xeometría” do profesor e físico-químico
Xabier Prado, ou o da coordinadora de grao de Educación Primaria, María Lorenzo
“A Maleta dos Océanos”. Ademais o alumnado participou na saída didáctica polo
río e o profesorado no seminario impartido no CIFP A Granxa. Para os máis
cativos e cativas houbo contacontos e animación nas prazas da vila.
Por último o Concello agradece a
colaboración de empresas e comercios de Ponteareas, como Confitería Ancla e
froitas Carlos e froitas Santy, así como do resto de comercio local que sempre
recibe con interese as actividades do noso alumnado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario