27 de mar. de 2022

CULTURA

Volve o “Gómez Alfaro”, o premio literario impulsado por Orpagu para estudantes de 10 a 12 anos de toda Galicia  

• A Organización de Palangreiros Guardeses convoca a quinta edición do seu certame “Homes e Mulleres do Mar. Premio Gómez Alfaro”, de novo en colaboración coa Editorial Galaxia.   

•  Os escritores Claudia Castro, Paula Carballeira y Diego Giráldez serán os encargados de valorar os traballos enviados á sede de Orpagu entre o 1 e o  30 de abril.  

 

Foto dunha edición anterior do certame, cos participantes, a viúva e o fillo do poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, e membros do xurado
Foto: Mar Bermúdez


Mar Bermúdez / A Guarda 

 Tras un parón de dous anos pola pandemia, o certame literario “Homes e Mulleres  do Mar. Premio Gómez Alfaro”, impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses en colaboración coa Editorial Galaxia, volve con máis forza que nunca para premiar a calidade literaria en galego de estudantes de 10 a 12 anos de toda Galicia. Con este galardón, Orpagu quere poñer o foco no traballo que realiza a xente do mar como parte inherente e fundamental de toda unha cultura narrada na lingua que lle é propia. 

 Os traballos presentados deberán estar escritos en galego, contar cunha extensión mínima de dous folios e máxima de 6 e ter unha temática relacionada cos “homes e mulleres do mar”. Ademais, os textos deberán ser de ficción, orixinais e inéditos, polo que non se terán en conta aqueles que fosen presentados ou premiados noutros concursos. Para participar no certame, os relatos deberán ser enviados á sede de Orpagu, na Guarda, entre o día 1 e o día 30 de abril. (As bases pódense atopar en www.orpagueducativo.com/certame-literario/).  




 O premio literario leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor de Ensino Secundario no Colexio Padres Somascos da Guarda, localidade na que viviu ata o seu falecemento. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Alfaro foi un recoñecido escritor, poeta e articulista en varios medios de comunicación. Como poeta deuse a coñecer en 1969 cunha obra en castelán, “De rodillas”, publicada na Editorial  CLA en Bilbao, pero toda a súa obra posterior foi en galego. 

Xurado e premios 

 O xurado deste ano está formado por tres escritores: Claudia Castro, Paula  Carballeira e Diego Giráldez. 

Claudia Castro (Santiago de Compostela) é licenciada en Xornalismo e Filoloxía Inglesa e recibiu varios recoñecementos literarios pola súa obra poética, entre eles o “Duck Fin”, o “María Mariño” e o “Xosé Manuel López Ardeiro”.  En 2018 publicou o seu primeiro libro de poesía para nenos “Galicia, o país das marabillas”, da man de Galaxia.   

Paula Carballeira (Fene) estudou Filoloxía na USC e desde 1994 é narradora oral profesional, actriz e escritora. Como autora ten máis de trinta títulos publicados, tanto de narrativa como de poesía ou teatro, moitos deles traducidos a varios idiomas: portugués, inglés, italiano, coreano... A maior parte da súa obra está pensada para a infancia e mocidade. 

Diego Giráldez (O Porriño) exerceu ao longo da súa traxectoria profesional como xornalista en diferentes medios. Na actualidade, colabora co xornal dixital  Praza Pública e a revista  Luzes. Os seus dous traballos literarios, “Galería de saldos” e “Hotel para coleccionistas discretos”, conseguiron importantes recoñecementos. En breve presentará a súa nova novela, “O  meu  sangue”, tamén con Galaxia.  

 A gañadora ou o gañador do certame organizado por Orpagu levará unha tableta, un trofeo e un lote de libros da Editorial Galaxia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario