27 de mar. de 2022

CULTURA

O secretario xeral de Cultura, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais e o director do Centro Dramático Galego participan en Santiago no acto conmemorativo 

A Xunta de Galicia celebra co sector o Día Mundial do Teatro e o lanzamento da nova Bolsa de dramaturxia e creación  

Arranca a convocatoria da segunda edición coa fase de dramaturxia, cun orzamento que aumenta un 50%, ata os 6.000 euros 


No evento entregóuselles os galardóns aos gañadores da primeira edición da bolsa: Ernesto Is, na modalidade de dramaturxia, e a compañía aAntena, na de creación
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia celebrou hoxe o Día Mundial do Teatro nun acto que reuniu o sector para premiar os gañadores da primeira edición da Bolsa de dramaturxia e creación e anunciar a nova convocatoria da iniciativa, impulsada polo Centro Dramático Galego (CDG) en colaboración con diversos colectivos do ámbito teatral e cultural. No evento, desenvolvido no exterior do Salón Teatro de Santiago, participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director do CDG, Fran Núñez. Interveu tamén Zé Paredes en representación de DramaturGA.

 Segundo anunciou Anxo M. Lorenzo, nesta segunda edición a bolsa será bienal, co desenvolvemento da fase de dramaturxia en 2022 e a de creación en 2023. Apuntou tamén que se incrementa o prazo para a presentación do proxecto completo por parte de quen resulte adxudicatario ata os seis meses, así como a cantidade dotada ata os 6000 euros, un 50% máis que en 2021.

 A convocatoria, á que se pode acceder a través da web da Agadic, diríxese a persoas e entidades dedicadas de xeito profesional ao teatro e que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. A solicitude deberá presentarse por medios electrónicos nun prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación, acompañada dunha memoria explicativa que inclúa o proxecto de escrita cun máximo de 10.000 caracteres, a traxectoria da persoa ou colectivo que participa e unha carta de motivación.

 Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a medida “nace do diálogo, da unión e da colaboración entre o sector e a Xunta no marco do apoio ás artes escénicas e á dramaturxia contemporánea”. Nesta liña, referiuse a aposta que está a facer o CDG pola escrita dramática actual nas súas producións, como é o caso da estrea prevista para o 14 de abril, Ás oito da tarde, cando morren as nais. A peza leva a escena da man de Marta Pazos, como directora e autora da dramaturxia, o texto de AveLina Pérez recoñecido co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais en 2018.

Recoñecemento aos gañadores de 2021

 Ademais, a celebración do Día Mundial do Teatro incluíu o recoñecemento público aos gañadores da primeira edición da Bolsa de dramaturxia e creación, Ernesto Is, autor do texto Relato para un incendio, e a Xosé Leis e Bernardino Martínez, creadores da compañía aAntena, que montarán o espectáculo en coprodución co CDG. A profesora Dolores Vilavedra, en representación do Consello da Cultura Galega, e Jacobo Sutil fixeron entrega dos galardóns. Durante o acto, aAntena interpretou fragmentos da montaxe que estrearán no Festival de Ribadavia no mes de xullo.

 Xunto coa Bolsa de dramaturxia e creación, o Goberno galego promove cada ano diversas medidas de apoio ao sector teatral que van desde a creación á exhibición. Así, a mediados deste mes publicáronse as axudas á creación para compañías profesionais, cun orzamento de 800.000 euros, dos que máis da metade se reservan a propostas de teatro, novo circo e maxia, e as axudas para as salas privadas de exhibición escénica, dotada con 150.000 euros para impulsar unha programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos.

 A isto súmase a organización, xunto coa asociación Escena Galega, da feira profesional das artes escénicas Galicia Escena PRO, que este ano chega á súa novena edición, e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, en colaboración con preto de 40 entidades locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario